20 de diciembre de 2024
A alcaldesa, acompañada hoxe polo reitor da Universidade, Ricardo Cao, recibiu a Bolón e Blanco lembrando que “inspirar ás e aos referentes científicos do futuro pasa por facelo en igualdade”, visibilizando ás mulleres
A alcaldesa, Inés Rey, recibiu hoxe en María Pita a Verónica Bolón e Cristina Blanco, profesionais da Universidade da Coruña (UDC) que este ano foron distinguidas cos Premios Nacionais de Investigación 2024 na categoría de investigadores mozas, galardón que outorga o Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades (MICIU).
Bolón e Blanco, que desempeñan as súas tarefas nas facultades de Enxeñaría Informática e Socioloxía, respectivamente, obtiveron este recoñecemento nunha modalidade que pon en valor os méritos acadados polo persoal investigador menor de 40 anos.
Verónica Bolón, oriúnda de Carballo, foi premiada na categoría María Andresa Casamayor polo seu traballo en materia de aprendizaxe automática, apostando pola sostibilidade e as aplicacións de tipo social nun eido emerxente como a intelixencia artificial. A día de hoxe, ademais de dar clase nas aulas de Enxeñaría Informática da UDC, tamén forma parte do equipo de profesionais do CITIC, na Coruña. E, desde hai dous anos, forma parte como académica da Real Academia de Ciencias Exactas, Físicas e Naturais de España.
No caso da coruñesa Cristina Blanco, galardoada na modalidade María Moliner, o xurado premiou o seu percorrido científico no referente á historia contemporánea, valorando unha traxectoria que xa a posicionou a escala internacional e na que destacan as súas investigacións sobre o proceso de integración en Europa.
Acompañada polo reitor da Universidade da Coruña, Ricardo Cao Abad, e polo vicerreitor de Investigación e Transferencia, Jerónimo Puertas, Inés Rey destacou o traballo de Bolón e Blanco subliñando que "o seu esforzo, capacidade e talento son os valores que, en primeira instancia, debemos transmitirlle ás novas xeracións". "E a isto é moi importante sumar a visibilización, porque inspirar as e os referentes do futuro pasa por facelo en igualdade".
A rexedora destacou os avances que se están a experimentar neste sentido, lembrando, ademais, que, a inicios deste ano, A Coruña acolleu a celebración nacional do Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia, na que tiveron protagonismo figuras como a investigadora Sara García, primeira astronauta española da ESA, "unha icona que amosa que, pouco a pouco, vanse derrubando os teitos de cristal en todos os eidos da sociedade."
Lo sentimos pero tu navegador es muy antiguo para poder mostrar esta página. Debes de actualizarlo o usar un navegador compatible. Hemos optimizado esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari y Microsoft Edge. Instalar ahora un navegador compatible