4 de setembro de 2024
A Xunta de Goberno Local aprobou hoxe a concesión de dúas licenzas para acometer a substitución das cubertas nos edificios do Centro de Educación Especial Nosa Señora do Rosario e o IES da Sardiñeira
A alcaldesa, Inés Rey, presidiu este mércores a sesión ordinaria da Xunta de Goberno Local, que deu luz verde á adxudicación do novo contrato de iluminación ornamental para o Nadal e o Entroido. Iluminacións Ximénez será a empresa que asumirá o servizo ata o ano 2027. O Concello levará a cabo un investimento de 800.000 euros anuais, e terá a posibilidade de ampliar o subministro e instalación das luces por dous anos máis.
Ademais, entre os asuntos máis destacados na orde do día tamén se aprobou o texto do convenio urbanístico que abre camiño á urbanización do API QA-28, que inclúe as parcelas existentes entre o parque de Oza e o polideportivo municipal do Castrillón.
Tal e como se avanzou a inicios de agosto, o novo planeamento que estipula o convenio contempla a actuación sobre seis superficies diferenciadas no propio barrio do Castrillón: os soares entre as rúas Montes e Antonio Ríos, os existentes entre Antonio Ríos e Casanova de Eirís, outra superficie entre Antonio Ríos e a avenida da Concordia, as parcelas situadas entre Casanova de Eirís e a rúa Castrillón e outras dúas situadas entre a rolda de Outeiro e as rúas Montes e Carballo.
A recuperación destes soares permitirá a posta en marcha de diversos desenvolvementos residenciais e tamén a creación de máis áreas verdes e espazos de lecer para a veciñanza nuns enclaves onde existen, a día de hoxe, zonas de maleza e tamén antigos inmobles que, pola súa insalubridade e estado actual, esixirán a súa demolición.
Cómpre lembrar que o acordo ao que chegou o Concello coa Xunta de Compensación estima que a futura bolsa de solo residencial será de mil vivendas e, entre elas, incluirá un 10% de vivenda protexida, que pasará a ser patrimonio municipal, o que en termos prácticos suporá a creación de 100 VPO no barrio, unha medida que lle permitirá ao Goberno de Inés Rey dar continuidade ás liñas estratéxicas pautadas no Plan municipal de vivenda con vistas ao ano 2030.
Dúas licenzas para melloras en centros educativos da Coruña
Dando continuidade aos asuntos relativos á área de Urbanismo, hoxe fíxose balance das licenzas resoltas no período entre os días 2 e 29 de agosto, con 356 expedientes notificados, dos que 43 foron licenzas urbanísticas e 208 foron obras en réxime de comunicado.
Entre os expedientes máis destacados salientan as dúas licenzas que posibilitarán melloras en dous centros educativos da Coruña: no Centro de Educación Especial Nosa Señora do Rosario, para a substitución da cuberta do edificio; e no IES da Sardiñeira, para a mesma finalidade.
Ademais, tamén se aprobou este mércores a concesión de licenza á Sociedad de Fomento y Desarrollo Turístico para a redistribución da planta baixa e as zonas comúns no edificio do centro de ocio dos Cantóns, a carón do Palexco. O investimento nas obras é de 1,2 millóns, co obxectivo de crear novos espazos de traballo e coworking.
Por outra banda, hoxe adxudicouse o contrato asociado ao servizo de mantemento e conservación dos cemiterios municipais, que executará a empresa Acierta Asistencia tanto o que resta deste ano como nos dous seguintes, ata o 2026. Ademais, tal e como se estipulaba nos pregos, o Concello poderá prorrogar anualmente o contrato por outros tres anos máis.
Modificativos de crédito
Por outra banda, a XGL tamén aprobou hoxe a tramitación dun modificativo de crédito para facer fronte a diversos investimentos. Destinaranse 320.000 euros a convenios nominativos, que permitirán apoiar ao Básquet Coruña na nova tempada, así como á Asociación de Clubes de Traineras e a asociación APEM, que xestiona en Méndez Núñez os cabaliños de pedais.
O Concello tamén propón destinar cerca de 1,6 millóns de euros a financiar os descontos aplicados no bus urbano, e que permiten a toda a cidadanía gozar dun 50% de desconto sobre a a tarifa ordinaria do transporte colectivo. Además, sufragaranse tamén gastos enerxéticos e dotarase de fondos a partida para aboar 70.000 euros en axudas a autónomos.
Finalmente, o Goberno propón tamén unha modificación contable nos orzamentos que, sen afectar as contías previstas, facilitará a licitación da obra dos Cantóns no seu conxunto, o que axilizará o proceso para a renovación da zona e a posta en marcha da Fase Cero da nova fachada marítima.
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible