19 de febreiro de 2025
En paralelo, o Concello está a acometer melloras de renovación na rede. Concretamente, en rúas como Pintor Villar Chao, Marsella e Julia Minguillón
A Xunta de Goberno Local aprobou hoxe a licitación do contrato de limpeza da rede de saneamento municipal, un servizo no que o Concello levará a cabo un investimento de 3,5 millóns ata o ano 2028.
Nos últimos anos, o Goberno de Inés Rey vénlle dando un pulo á renovación da rede en todos os barrios da cidade, especialmente naqueles onde as infraestruturas eran máis antigas. Por exemplo, da Agra do Orzán, A Falperra, Os Mallos e Monte Alto, entre outros. "Imos paso a paso mellorando a rede, instalando tubaxes con materiais máis resistentes e seguros, e tamén creando redes separativas en distritos onde ata agora non as había ou só puntualmente nalgunhas rúas, como na Zapateira ou Bens. E farémolo proximamente no Barrio das Flores, onde xa temos previsto un investimento de 400.000 euros para acometer a segunda fase de construción da súa nova rede de saneamento separativa", explicou a alcaldesa en rolda de prensa esta mañá.
Actualmente, o Concello está a traballar en diversos puntos da cidade como as rúas Pintor Villar Chao e Marsella, tamén na rúa Julia Minguillón, ao abeiro das obras para mellorar a accesibilidade entre O Peruleiro e a rúa Barcelona. "Son investimentos moi necesarios que se complementan con este novo contrato de limpeza da rede, fundamental para o seu mantemento", dixo Rey.
O contrato de conservación que sae agora a concurso terá unha vixencia inicial de tres anos, prorrogables por outros dous.
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible