19 de marzo de 2025
Ademais, a Xunta de Goberno Local aprobou este mércores o proxecto da terceira fase das obras de substitución das carpintarías exteriores do CEIP María Pita
A alcaldesa, Inés Rey, deu conta esta mañá dos asuntos máis destacados na orde do día da Xunta de Goberno Local, que aprobou as bases do proceso de admisión nas Escolas Infantís Municipais de cara ao curso que vén.
Desde hai case cinco anos, o Concello promove a gratuidade nas Escolas Infantís Municipais para as nenas e nenos de ata 3 anos, unha medida na que A Coruña foi pioneira a nivel autonómico e que, tal e como recalcou a alcaldesa, "terá continuidade porque entendemos que é un servizo público fundamental para o benestar das familias da cidade".
No curso que vén, A Coruña contará con sete Escolas Infantís Municipais abertas. Son as da Caracola (en Novo Mesoiro), a da Agra do Orzán, Arela (en Elviña), A Carricanta (no Castrillón), a dos Rosales, a dos Cativos (en Palavea) e a Luis Seoane, que ao igual que no último curso será a que acolla á rapazada da EIM de Monte Alto mentres avanzan as obras de remodelación do mercado municipal, que aparellan a renovación do edificio da escola.
"Como xa informamos a semana pasada, na visita que fixemos ás obras, xa rematou a instalación das estruturas de aceiro da escola infantil e os operarios están a rematar as tarefas de instalación eléctrica. A previsión é que o conxunto da obra, tanto a do mercado como a da escola, esté rematada a finais de ano", recalcou Rey.
Tras a publicación das bases, apertura do prazo de solicitudes de novo ingreso
Nos vindeiros días publicaranse as bases no Boletín Oficial da Provincia (BOP). A partir do día seguinte á súa publicación, abrirase un prazo de dez días hábiles para presentar as solicitudes de novo ingreso. A información completa poderase consultar na páxina web do Concello.
En todo caso, e como xa é habitual, as familias interesadas en renovar as súas prazas ou en efectuar traslados a outras escolas infantís municipais, xa poden acudir á súa escola infantil de referencia para informarse sobre ambos os procesos, "que son os que determinan, a posteriori, o número de vacantes dispoñibles para as prazas de novo ingreso".
Melloras nas instalacións do CEIP María Pita
Ademais, a Xunta de Goberno Local tamén aprobou este mércores o proxecto da terceira fase das obras de substitución das carpintarías exteriores do CEIP María Pita, no barrio de Elviña. Esta actuación suporá un investimento de algo máis de 100.000 euros.
Non é a única actuación que se acometerá neste colexio. A finais do ano pasado tamén se aprobou o proxecto de reforma do patio do CEIP, unha medida que aparellará melloras de accesibilidade ao centro educativo desde a rolda Camilo José Cela. Ademais, nestas últimas semanas executáronse melloras no parque infantil do colexio, renovando o seu pavimento para facelo máis seguro no uso diario das nenas e nenos.
"Imos, pois, paso a paso, dando resposta ás necesidades dos centros educativos da Coruña. As melloras nas súas infraestruturas son competencia da Xunta de Galicia mais na estamos a colaborar e a axudar en todo o que está na nosa man, porque o noso compromiso coa comunidade educativa da Coruña é firme e entendemos que as súas demandas e necesidades redundan no benestar de todas e todos", indicou a alcaldesa.
Neste sentido, no pasado mes de febreiro, o Concello sacou a concurso o contrato de conservación e mantemento dos colexios e centros de educación especial da cidade, cun investimento de 1,4 millóns en dous anos.
10 de marzo de 2025
5 de marzo de 2025
28 de febreiro de 2025
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible