28 de febrero de 2025
A alcaldesa e presidenta de Emalcsa, Inés Rey, e o reitor da UDC, Ricardo Cao, asinaron esta mañá o convenio de colaboración da Cátedra Emalcsa-UDC, cunha duración de tres anos e unha dotación de 50.000 euros por exercicio
A alcaldesa da Coruña e presidenta do Consello de Administración de EMALCSA, Inés Rey, e o reitor da Universidade da Coruña (UDC), Ricardo Cao Abad, asinaron hoxe a renovación por tres anos máis da Cátedra EMALCSA-UDC, creada en 2017 para impulsar a investigación, a transferencia de coñecemento e a formación en xestión sustentable da auga.
No acto de sinatura, que tivo lugar na Reitoría da UDC, estiveron presentes tamén o director xeral de EMALCSA, Jaime Castiñeira de la Torre, e o director da área de I+D+i da empresa municipal, Ricardo Vázquez Pérez, así como o actual director da cátedra, Sergio Rodríguez, es os dous anteriores, Joaquín Suarez e Moisés Canle.
Durante os seus oito anos de traxectoria, a Cátedra EMALCSA-UDC desenvolveu 25 proxectos enmarcados en tres grandes liñas de investigación: o Plan AdO (Augas dende a Orixe), centrado na calidade das fontes de abastecemento; o Plan ECAD (Excelencia na Auga Distribuída), que analiza a calidade da auga na rede; e o programa Aqualab, destinado á dixitalización e optimización da xestión do sistema urbano de auga. En total, estes proxectos contaron coa participación de máis de 50 investigadores da UDC e cunha achega económica de EMALCSA que rondou os 700.000 euros. O novo convenio supón unha nova achega de 50.000 euros aportados pola empresa pública municipal.
Durante o acto a alcaldesa da Coruña destacou a importancia da colaboración entre as empresas públicas e a Universidade na busca da excelencia nos servizos e na ampliación dos coñecementos: "Emalcsa leva moitos anos implicándose co tecido social, deportivo e educativo desta cidade e da súa contorna, sendo un exemplo a seguir de xestión dunha empresa pública e sendo tamén un modelo de responsabilidade social, os resultados da Cátedra Emalcsa son un bo exemplo do que estou a contar", indicou Rey.
Pola súa banda, o reitor da UDC, Ricardo Cao, subliñou a importancia da renovación desta cátedra. "A colaboración entre a universidade e EMALCSA permítenos seguir avanzando na investigación e na aplicación de tecnoloxías innovadoras para a xestión da auga, un recurso esencial para o desenvolvemento sustentable", afirmou.
Entrega de premios
O concelleiro de Educación, Formación e Innovación Tecnolóxica da Coruña, Juan Ignacio Borrego, o director xeral de Emalcsa, Jaime Castiñeira, e o reitor da Universidade da Coruña, Ricardo Cao, presidiron, esta mañá, a entrega dos IV Premios Cátedra Emalcsa-UDC. No acto estiveron presentes, así mesmo, o director da Cátedra Emalcsa-UDC, Sergio Rodríguez Roiloa, e o director de I+D+i de Emalcsa, Ricardo Vázquez Pérez. Tras a deliberación do xurado, o estudante Manuel Rubiños Trelles fíxose co galardón polo seu traballo Análise mediante técnicas de intelixencia artificial de perfís de consumidores de auga en vivendas. A maiores, tendo en conta a "orixinalidade e a rigorosidade" das candidaturas presentadas, outorgáronse, así mesmo, dous accésits e fíxose unha mención especial.
O obxectivo desta iniciativa é fomentar o coñecemento e a reflexión sobre diferentes aspectos da xestión sostible da auga entre os estudantes ou titulados de mestrado que presentasen o seu Traballo de Fin de Máster (TFM) na Universidade da Coruña. Tendo en conta esta premisa, fíxose entrega dos seguintes recoñecementos:
Lo sentimos pero tu navegador es muy antiguo para poder mostrar esta página. Debes de actualizarlo o usar un navegador compatible. Hemos optimizado esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari y Microsoft Edge. Instalar ahora un navegador compatible