14 de septiembre de 2023
Ata o día 15 de outubro, os centros educativos interesados en participar nas actividades previstas este curso poderán formalizar a súa solicitude a través da web municipal
Terá continuidade o programa ‘Espías no tempo’, que chega á súa segunda edición e achega ás e aos alumnos en quinto e sexto ano de Primaria á historia dos barrios nos que están ubicados os seus colexios
Desde mañá, venres 15 de setembro, o Concello da Coruña abrirá o prazo de inscrición na nova edición dos programas educativos incluídos no Plan Coruña Educa, unha iniciativa orientada especificamente á participación dos centros escolares da cidade, e que neste curso abrangue unha oferta de 63 obradoiros, talleres e actividades ideados para rapazas e rapaces en idade de Educación Infantil, Primaria, Secundaria, Bacharelato, Formación Profesional e Educación Especial.
O prazo de solicitudes estará habilitado por un mes, ata o domingo 15 de outubro, período no que os centros educativos coruñeses poderán tramitar a súa solicitude de participación nos diversos programas impulsados este ano.
Neste curso 2023-24, e a través da Área municipal de Benestar Social, o programa Coruña Educa estará distribuído en 13 categorías, que inclúen múltiples iniciativas de interese para a mocidade. Son as seguintes: 'A Coruña de aventura'; 'A Coruña das ciencias'; 'A Coruña cultural'; 'A Coruña participa'; 'A Coruña orienta'; 'A Coruña tardes'; 'A Coruña no mundo'; 'A Coruña saúde'; 'A Coruña e o consumo'; 'A Coruña vial'; 'A Coruña ambiental'; 'A Coruña linguas'; e 'A Coruña igualdade'.
Consolidación do programa Cinema na Escola
Na oferta dispoñible este ano teñen continuidade programas culturais xa lonxevos, como a 'Mostra de Teatro Escolar', que chega á súa XXXIII edición. Ademais, tamén se consolidan iniciativas máis recentes, como 'Cinema na Escola', ideado co obxectivo de fomentar a cultura audiovisual e a aprendizaxe cinematográfica entre os mozos e mozas, e que neste curso chega á súa terceira edición.
Ademais, e ao abeiro do programa 'A Coruña de aventura', neste curso tamén volverá a habilitarse o programa 'Espías no tempo', que achega ás e aos alumnos coruñeses en quinto e sexto ano de Primaria á historia dos barrios nos que están ubicados os seus respectivos centros educativos, reforzando a identificación dos máis pequenos coas diversas paisaxes da cidade. Será a segunda edición do programa, tras a boa experiencia colleitada o ano pasado.
Por outra banda, na área de ciencias, ofértanse actividades xa recoñecibles en pasadas edicións, como o 'Rebumbio Matemático', e outras de creación máis recente e con moi boa acollida, como o 'Concurso de Drons' e o obradoiro 'A maxia da robótica'. Neste último, o ano pasado, tomaron parte máis de 750 alumnas e alumnos.
Fomento da implicación do alumnado para coa realidade da súa cidade
Tamén neste curso, seguirá adiante o programa 'Sementando participación', creado co obxectivo de xerar un proceso de participación infantil para que as e os menores e adolescentes da cidade coñezan e dispoñan de técnicas, ferramentas e habilidades para a participación cívica.
Ademais, o Goberno municipal dará continuidade ao Consello Local da Infancia da Coruña (CLIAC) cuxo obxectivo é constituír un grupo estable de traballo con nenos e nenas da cidade que traslade a voz de infancia ás políticas públicas do Concello.
A educación ambiental, o consumo responsábel, a participación cidadá e a formación en igualdade e diversidade son tamén actividades de alta demanda nos centros escolares da cidade, onde o Goberno de Inés Rey está a facer fincapé no desenvolvemento de iniciativas enfocadas á prevención do acoso escolar e o ciberacoso, así como á loita fronte a adiccións das sustancias estupefacientes, o xogo online e mesmo o exceso de uso das redes sociais.
A maiores, a oferta dos programas de Coruña Educa complétase con talleres e actividades de orientación profesional, idiomas e outras iniciativas destinadas a facilitar ás familias a conciliación da súa vida profesional e persoal. A ampla oferta educativa do Concello enmárcase dentro das políticas postas en marcha por Inés Rey de fomento e reforzo da educación pública no municipio.
A información específica sobre cada programa pode consultarse na web dos Programas Educativos .
También te puede interesar
Lo sentimos pero tu navegador es muy antiguo para poder mostrar esta página. Debes de actualizarlo o usar un navegador compatible. Hemos optimizado esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari y Microsoft Edge. Instalar ahora un navegador compatible