23 de enero de 2024
A través desta iniciativa, o Goberno de Inés Rey busca reforzar o seu apoio ás asociacións e entidades que representan a cultura tradicional e popular
O Concello da Coruña, a través da Área de Fomento e Promoción da Cidade, acaba de publicar as bases reguladoras da convocatoria do Plan de apoio ás entidades musicais locais de cara a este ano 2024.
"Por medio desta iniciativa, o Goberno de Inés Rey busca reforzar o seu apoio ás asociacións que representan a cultura tradicional e popular", indicou o concelleiro responsable da área, Gonzalo Castro. O plan busca contribuír á difusión da oferta musical das entidades sen ánimo de lucro que desenvolven a súa actividade cultural na cidade, cun grao de implementación social representativo e cunha formulación artística, musical e de baile.
"As asociacións que visibilizan a cultura tradicional da Coruña e os seus barrios son fundamentais á hora de trazar a nosa identidade. Por iso, o noso obxectivo é poñelas en valor e fomentar a súa presenza na programación anual de eventos culturais na cidade, cunha perspectiva de continuidade", expuxo a alcaldesa, Inés Rey. Neste sentido, a rexedora puxo como exemplo a Romaría de Santa Margarida, que se organiza cada ano durante o mes de agosto, ao abeiro das Festas de María Pita.
A este respecto, a dotación prevista polo Concello de cara á convocatoria de axudas deste ano é de 200.000 euros. Tanto neste ano como no 2023 o plan acadou a súa maior contía desde que se convoca.
A información do plan pódese consultar nas Bases reguladoras de la convocatoria del plan de apoyo a las entidades musicales locales. Anualidad 2024 .
O prazo para presentar as solicitudes abre este mércores 24 de xaneiro
A convocatoria vai dirixida ás entidades culturais musicais, legalmente constituídas, que teñan o seu domicilio na cidade da Coruña.
O prazo para presentar as solicitudes abrirase este mércores 24 de xaneiro. Haberá un total de quince días naturais para que as asociacións e entidades interesadas presenten a súa documentación.
As solicitudes poderanse presentar, preferentemente, por vía telemática. Será a través da sede electrónica, dirixindo a solicitude ao Instituto Municipal Coruña Espectáculos (IMCE).
Excepcionalmente, admitiranse solicitudes presenciais no Rexistro administrativo do IMCE (avenida da Mariña, 18), logo da cita previa no teléfono 981 184 233.
Haberá cinco días para formular alegacións
Unha vez que finalice o prazo de presentación de solicitudes, publicarase na páxina web do servizo municipal de Cultura unha listaxe cos datos provisionais e abrirase entón un prazo de cinco días naturais para formular alegacións.
Cómpre lembrar que o prazo de resolución definitivo será, como máximo, dun mes, que se contará a partir do día seguinte a aquel no que remate o prazo de presentación das solicitudes.
También te puede interesar
Lo sentimos pero tu navegador es muy antiguo para poder mostrar esta página. Debes de actualizarlo o usar un navegador compatible. Hemos optimizado esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari y Microsoft Edge. Instalar ahora un navegador compatible