Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

4 de febreiro de 2021

O Concello aproba por primeira vez na súa historia unha ordenanza para o uso do galego

José Manuel Lage Tuñas: “A ordenanza non só normaliza algo que debería ser normal, senón que tamén pon fin a unha anomalía que tiñamos que reparar, para cumprir a lexislación vixente, 31 anos despois”.

O Pleno do Concello da Coruña aprobou esta mañá, coa única abstención do Grupo Popular, a Ordenanza para o uso da lingua galega, na que se promove o seu emprego en todas as accións e actuacións, na documentación, na comunicación social e nas relacións coa cidadanía e con todas as entidades situadas en Galicia. A Coruña é a última das cidades galegas en incorporar ao seu corpus normativo a dita ordenanza, que supón cumprir a Lei de uso do galego nas administracións locais, de 1988, así como a Lei de normalización lingüística, de 1983, e mesmo o Estatuto de autonomía.

O voceiro do Goberno local, Juan Manuel Lage Tuñas, sinalou que a proposta de ordenanza é froito do compromiso do Goberno coa propia cultura e do acordo de mandato co BNG que incluía, entre outras cousas, o impulso ao uso do galego no Concello da Coruña, plasmado na aprobación dunha ordenanza. "O Goberno de Inés Rey cumpre os seus compromisos", recordou o voceiro.

Lage Tuñas agradeceu o apoio amosado pola maioría dos grupos á ordenanza e lamentou a abstención do PP, cando ese grupo, recordou, votou a favor en 2017 da ordenanza que entón aprobou a Deputación e na que se basea a que rexerá na Coruña.

Durante a súa intervención, o edil lembrou que o 2 de xullo deste ano cumprirase o 160 aniversario da celebración dos Xogos Florais de Galicia no coruñés Teatro Rosalía, cita que supuxo un fito no impulso ao Rexurdimento, que tivo nesta cidade o seu principal baluarte. Para o concelleiro, a aprobación deste ordenanza é unha digna homenaxe a ese aniversario "e servirá para saldar unha débeda histórica co movemento que permitiu o revivir da nosa cultura e que nos configurou como o que somos: un pobo coa sorte de ter dúas linguas das que beber".

A ordenanza do galego do Concello da Coruña, dixo, "non só normaliza algo que debería ser normal, senón que tamén pon fin a unha anomalía que debemos reparar, para cumprirmos a lexislación vixente, con 31 anos de atraso".

O documento aprobado hoxe de maneira inicial recolle que a veciñanza poderá elixir entre o galego ou o castelán para se dirixir a calquera unidade administrativa local e terá dereito tamén a ser atendida e a obter ou recibir a documentación e as notificacións municipais na lingua que escolla. Será por defecto a galega a que empregue a Administración local e será a galega a lingua empregada nas comunicacións internas, na cartelaría e na proxección pública. O Concello da Coruña e os organismos que dependen del -entes asociados, padroados, organismos autónomos, sociedades, fundacións, centros de formación, museos, arquivos, Bibliotecas Municipais e Escolas Infantís Municipais- rexeranse por esta ordenanza co fin de impulsaren a utilización do idioma.

O voceiro do Goberno local encomiou o labor desenvolto polo persoal traballador do Servizo de Normalización Lingüística (SNL), servizo que a ordenanza se compromete a dotar dos recursos económicos, materiais e humanos precisos co obxecto de impulsar a normalización da lingua, procurar o incremento do seu uso e prestixiar o idioma galego no ámbito municipal.

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión