Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

20 de xullo de 2024

O Concello aproveita o parón da actividade lectiva para acometer melloras nas áreas de xogos infantís dos colexios San Francisco Javier e Salgado Torres

A folla de ruta establecida polo Goberno de Inés Rey tamén inclúe intervencións nos espazos exteriores do CEIP Víctor López Seoane e Ramón de la Sagra. No caso deste último, as obras xa están en marcha

Aproveitando o parón da actividade lectiva pola tempada estival, o Concello da Coruña avanza estes días na folla de ruta das melloras previstas nos centros educativos da cidade, que inclúe dúas intervencións nas áreas de xogos infantís nos colexios San Francisco Javier e Salgado Torres, situados na Cubela e Elviña, respectivamente.

No primeiro deles está prevista a remodelación e ampliación do espazo de xogos, unha iniciativa coa que o Goberno de Inés Rey dá resposta a unha solicitude do centro educativo coruñés. Actualmente, o parque infantil do colexio está distribuído en seis parcelas individuais con firme de caucho, de tamaños diversos. Coa reconfiguración formulada polo Concello, a área de xogos infantís pasará a estar totalmente unificada, ampliando as súas dimensións. Disporase un novo firme de caucho con diversas tonalidades de cor vermello, ocre, azul cian e azul mariño.

E, xa sobre o pavimento, instalarase unha nova estrutura multixogo con capacidade para 14 persoas usuarias e adaptada a nenas e nenos en idade de catro anos en diante. Esta estrutura inclúe, por exemplo, un gran tobogán e tamén randeeiras. Os novos xogos chegaron esta semana ás dependencias municipais, polo que se procederá á súa instalación nos vindeiros días.

Ademais, tamén está previsto restaurar e acondicionar outros seis xogos xa existentes na superficie actual: un pequeno tobogán, bambáns individuais e balancíns con capacidade para varias persoas usuarias, que serán devoltos á área de xogos infantís, unha vez completada a revisión e mellora das súas pezas.

Renovación do firme de caucho no CEIP Salgado Torres

En paralelo ás melloras no CEIP San Francisco Javier, o Concello tamén actuará nos vindeiros días no CEIP Salgado Torres, onde se renovará o firme de caucho nas catro superficies de xogo existentes nos espazos exteriores do colexio, ao aire libre. "Pola erosión e a súa exposición ás inclemencias meteorolóxicas, é preciso intervir nas áreas de xogo, dando resposta ás necesidades actuais das alumnas e alumnos do centro", apuntou a concelleira de Infraestruturas e Mobilidade, Noemí Díaz. A este respecto, con vistas á disposición das cores do pavimento da área de xogos seguíronse as recomendacións da Fundación ENKI co obxectivo de lles axudar ás crianzas a desenvolver habilidades cognitivas e sensoriais cunha perspectiva inclusiva.

Máis dun millón de euros en investimentos nos centros educativos

Os orzamentos aprobados polo Concello para este ano 2024 inclúen diversas partidas para novos investimentos nos centros educativos da Coruña. O Goberno de Inés Rey ten previsto acometer actuacións por valor de máis dun millón de euros en obras de mellora, reforma e acondicionamento nas instalacións das Escolas Infantís Municipais, colexios e centros de educación especial, entre outros.

Esta cifra inclúe, por exemplo, a partida coa que se sufragarán as obras de remodelación do patio do CEIP Ramón de la Sagra, en Elviña -xa en marcha desde esta semana-, así como as melloras previstas no CEIP Víctor López Seoane, en Monte Alto, onde se remodelará a pista multideporte e se intervirá sobre os valados que marcan o peche perimetral do colexio. Esta última intervención foi licitada recentemente.

A isto súmanse, ademais, os fondos específicos xa consignados para renovar a EIM Monte Alto, no contexto das obras de rehabilitación do mercado municipal. A intervención permitirá proxectar a instalación da escola infantil nunha soa planta, que se completará cun patio exterior, lindeiro á praza do nivel superior do mercado.

"Seguimos avanzando na folla de ruta marcada pola alcaldesa, Inés Rey, para atender as principais necesidades dos colexios da cidade, tanto en materia de programas educativos como na mellora das súas infraestruturas", apuntou o concelleiro de Educación e Innovación Tecnolóxica, Juan Ignacio Borrego.

Categorías da noticia

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión