30 de novembro de 2024
A actuación forma parte do plan de mellora das instalacións deportivas municipais
O Concello dará comezo esta vindeira semana aos traballos de mellora do polideportivo municipal de Labañou, situado na estrada dos Fortes, 3. Esta instalación dá servizo a diferentes clubs e deportistas, e permite a práctica de disciplinas como o tenis, baloncesto ou fútbol sala.
"Desde o Concello levamos a cabo unha escoita activa das persoas usuarias das nosas instalacións e decidimos priorizar esta actuación, que mellorará notablemente as condicións xerais do pavillón", sinalou Manuel Vázquez, concelleiro de Deportes. Os traballos, que comezaron no día de hoxe, permitirán substituír o actual pavimento, con 15 anos de uso intensivo, por un novo de última xeración.
As obras consistirán no levantamento da superficie actual para a instalación dunha lámina antihumidade, que illará o pavimento deportivo e mellorará o seu mantemento e a súa adherencia. Despois, instalarase o novo pavimento vinílico de 6,2 milímetros para á instalación municipal dunhas mellores propiedades biomecánicas das que tiña ata o de agora. Tras a renovación, o polideportivo contará cos parámetros esixidos pola normativa europea e cos certificados internacionais da FIBA de baloncesto e da IHF de balonmán.
Con esta actuación, o Goberno de Inés Rey dá un paso máis no seu plan de mellora das infraestruturas deportivas da cidade e dos seus barrios, que dan servizo tanto a clubs e entidades deportivas como a persoas particulares. Neste sentido, xa está en proceso de contratación o Plan Director de Instalacións e Equipamentos Deportivos, co que o Concello busca adecuar e mellorar os espazos deportivos de titularidade municipal e tamén establecer a folla de ruta que determine as futuras necesidades da cidade neste eido, atendendo ás especificidades e demandas existentes en cada distrito.
A día de hoxe, o Concello da Coruña ostenta a titularidade de máis dun cento de instalacións deportivas. Isto supón, en termos prácticos, que é o encargado do seu mantemento e coidados, tamén da súa renovación ou ampliación en función de cada caso. No caso do polideportivo municipal de Labañou, este conta cunhas dimensións de 20 por 40 metros e unha grada con capacidade para 230 persoas.
25 de novembro de 2024
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible