Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

30 de xaneiro de 2023

O Goberno municipal aboaralles ás persoas usuarias —ben na Tarxeta Millenium ou na app— o 20% que lles correspondería polas viaxes realizadas desde o día 1 de xaneiro deste ano

O Concello da Coruña eleva ao 50% o desconto no bus urbano asumindo un 20% de rebaixa adicional nas tarifas ante a falta de achegas da Xunta

A medida, posta en marcha con carácter retroactivo desde o 1 de xaneiro, fixará a tarifa xeral en 0,38 euros por viaxe, a social en 0,12 euros e a universitaria en 0,15 euros por traxecto

A alcaldesa, Inés Rey, anunciou esta mañá que o Concello da Coruña baixará novamente o prezo do bus urbano, que pasa a custar 0,38 euros por viaxe, un 50% menos da tarifa establecida. Ao 30% de desconto que se estaba a aplicar coa axuda do Estado, sumarase agora un 20% de bonificación adicional.

A alcaldesa lamentou a falta de resposta da Xunta ao respecto das solicitudes cursadas desde o Concello para que contribuíse, como fan outras comunidades autónomas como Madrid ou Valencia, a abaratar o transporte público urbano. Finalmente, e ante a negativa autonómica de axudar co prezo do bus aos coruñeses e ás coruñesas, será o Concello o que asuma o 20% extra para poder manter as axudas estatais vixentes que se perderían se non se lles sumase a bonificación adicional aprobada hoxe. 

"Aínda que lle reiteramos á Xunta a solicitude de colaboración, mesmo o mes pasado, responderon con silencio e decidiron que os problemas da cidadanía coruñesa non eran asunto seu", indicou Inés Rey.

"Lamentamos profundamente que a Xunta rexeite apoiar as e os coruñeses a facer fronte ao prezo do autobús urbano, cando si rebaixa o bus noutros lugares. É, sen dúbida, un agravio comparativo para a cidadanía da Coruña. Unha vez máis, é a Administración Local a que toma medidas para suplir a falta de implicación autonómica. Deste xeito, non só evitamos que o bus volva ao prezo anterior á bonificación estatal, senón que abaratamos, unha vez máis, para todos os usuarios e usuarias, o prezo do transporte público", sinalou a alcaldesa.

As novas tarifas do autobús urbano

Coa posta en marcha desta bonificación do 20%, que comezará a aplicarse este mércores 1 de febreiro, o autobús custará a metade do prezo que pagaban as persoas usuarias antes de setembro, tanto a través da Tarxeta Millenium como por medio da app.

TIPO DE TARIFA

CUSTO DESDE O 1 DE FEBREIRO

DIFERENZA CON RESPECTO AO CUSTO ACTUAL

Xeral

0,38 €

-0,14 €
Social

0,12 €

-0,04 €
Universitaria 0,15 € -0,06 €

Aínda que a medida se aplicará automaticamente desde o 1 de febreiro, esta iniciativa ten vixencia retroactiva desde o 1 de xaneiro, polo que se lles aboará ás persoas usuarias -ben na Tarxeta Millenium ou na app- o 20% que lles correspondería polas viaxes realizadas desde o día 1 de xaneiro deste ano. 

"Esta rebaixa ten como fin axudar as cidadás e os cidadáns nun momento economicamente complexo, e suporá deixar o prezo do transporte público en cifras de hai décadas. Hai vinte anos, o bus urbano na Coruña custaba 0,66 euros por viaxe, e agora quedará en 0,38 euros, practicamente a metade".

Unha medida que suporá un investimento municipal de 1,2 millóns de euros

A medida anunciada hoxe, destacou a alcaldesa, suporá un custo para as arcas municipais de aproximadamente 1,2 millóns de euros, "que se suma aos que xa tiñamos asumidos coas subvencións en vigor, non só a estatal, senón ás aplicadas xa na Tarxeta Millenium e na app".

A este respecto, recordou Inés Rey, a comezos de outubro, o Concello e a Universidade da Coruña (UDC) implantaron unha rebaixa do 60% no prezo do bus para case 12.000 estudantes universitarios. Baseándose nesta iniciativa, as persoas usuarias pasaron de aboar 52 céntimos a 21 céntimos por viaxe, dende o pasado 3 de outubro. Agora, con esta nova bonificación do 20%, esa tarifa volve baixar a 15 por céntimos por traxecto.

"O bus na Coruña ten unha tarifa establecida en 1,30 céntimos por viaxe, despois de que os tribunais anulasen a baixada unilateral aprobada no anterior mandato. Mais lonxe de subir, o bus baixou na Coruña como non o fixera nunca. Hoxe, o Concello asume na tarifa xeral o 54% do custo do bus, bonificación municipal que chega ao 86% no caso da tarifa social", concretou a alcaldesa, que recordou que fronte a ese compromiso municipal, a Xunta non achega cantidade ningunha para axudar os coruñeses e coruñesas co transporte urbano.

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión