22 de abril de 2025
Alumnado de 5.º e 6.º de primaria poderá crear cánticos de animación para o Leyma Coruña e vivirá a emoción dunha final no propio Coliseum
O Concello da Coruña en colaboración co Club Básquet Coruña, pon en marcha o concurso escolar "A voz do Coliseum", unha iniciativa dixirida ao alumnado de 5.º e 6.º de primaria dos centros educativos da cidade. O certame convida ás aulas a crear cánticos orixinais para animar ao equipo Leyma Coruña, promovendo a creatividade, o traballo colectivo e o orgullo de cidade.
O prazo de inscrición ábrese hoxe, luns 22 de abril, e permanecerá aberto ata o mércores 30 ás 10:00 horas. A convocatoria xa está dispoñible na web municipal de Educación. A iniciativa desenvolverase nas semanas seguintes e culminará cunha gran final durante un partido oficial no Coliseum, onde as propostas seleccionadas serán interpretadas en directo ante a afección coruñesa.
O concelleiro de Educación, Juan Ignacio Borrego, salientou que "con esta proposta buscamos achegar o deporte á escola como ferramenta educativa e integradora, promovendo valores como a cooperación, a expresión artística e a identidade local. A participación da mocidade na vida da cidade é un eixo central do noso traballo desde a área de Educación".
A clase gañadora terá como premio unha visita do equipo do Leyma Coruña ao seu centro educativo, nun encontro especial no que poderán compartir coas e cos xogadores a súa proposta gañadora e vivir unha xornada de convivencia arredor do deporte e da creatividade.Ademais, o centro recibirá un pack de merchandising oficial do club e será recoñecido nas redes sociais do Básquet Coruña.
Esta iniciativa enmárcase nas políticas activas de apoio á comunidade educativa e ao deporte base que está a desenvolver o Goberno de Inés Rey en colaboración con clubes e entidades, comprometido con facer da Coruña unha cidade que educa, que escoita á súa mocidade e que fomenta a participación activa desde as idades máis temperás.
O concurso forma parte do programa educativo municipal "Paixón Laranxa", e ten como obxectivo fortalecer o vínculo entre o Club Básquet Coruña e as futuras xeracións de seareiras e seareiros, garantindo un ambiente vibrante e respectuoso no Coliseum. Así mesmo, pretende fomentar a participación infantil en eventos deportivos e impulsar a creatividade a través da animación como ferramenta educativa.
Durante os días 5 e 6 de maio, os colexios participantes desprazaranse á Polideportiva de Riazor para asistir a un adestramento do Leyma Coruña. Alí, entoarán os seus cánticos -con duración máxima de 30 segundos-, que serán gravados e posteriormente sometidos a votación nas redes sociais do club. O formato admite o uso de instrumentos (bombos, tambores, megáfonos), sempre mantendo un ton respectuoso e inclusivo.
A final celebrarase o 17 de maio, coincidindo co encontro entre o Leyma Coruña e o Morabanc Andorra no Coliseum. O sistema de votación combinará un medidor de decibeles no recinto (50% da puntuación) e unha enquisa nas redes sociais (50 % restante), garantindo así a participación directa da cidadanía.
Cronograma da actividade:
Máis información:
Web municipal: educacion.coruna.gal
Club Básquet Coruña: comunicacion@basquetcoruna.com | 633 696 621 - 652 708 922
Servizo municipal de Educación: educacion@coruna.gal | 981 184 200 (ext. 10179)
Lo sentimos pero tu navegador es muy antiguo para poder mostrar esta página. Debes de actualizarlo o usar un navegador compatible. Hemos optimizado esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari y Microsoft Edge. Instalar ahora un navegador compatible