31 de marzo de 2023
O torneo disputarase na Cidade Deportiva da Torre ‘Arsenio Iglesias’ durante a Semana Santa, entre o xoves 6 e o venres 7 de abril
Ademais do conxunto coruñés, optarán ao título o Manchester City, o Real Madrid e o Sporting Clube de Braga
O Concello da Coruña e o Orzán Sociedade Deportiva organizan a vindeira semana a I Copa Irene González Basanta, un torneo internacional en categoría xuvenil feminina que supón unha iniciativa pioneira a nivel nacional.
O torneo, que se disputará nos campos de fútbol da Cidade Deportiva da Torre 'Arsenio Iglesias', terá lugar durante a Semana Santa, entre o xoves 6 e o venres 7 de abril. Ademais de contar co Orzán SD, a I Copa Irene González Basanta ábrese a conxuntos nacionais e tamén procedentes de Portugal e do Reino Unido. Desta forma, o club coruñés loitará polo título de campión fronte aos equipos xuvenís femininos do Manchester City, o Real Madrid e o Sporting Clube de Braga, convidados desta primeira edición.
As datas e o formato de competición
A I Copa Irene González Basanta comezará o xoves 6, coa disputa dos partidos correspondentes á primeira fase. Neste tramo do torneo, a duración dos partidos será de 45 minutos, sen descanso.
HORARIO | EQUIPOS |
15.00 horas |
Real Madrid - Manchester City |
16.00 horas |
SC Braga - Orzán SD |
17.00 horas |
Real Madrid - SC Braga |
18.00 horas |
Manchester City - Orzán SD |
19.00 horas |
Real Madrid - Orzán SD |
20.00 horas |
Manchester City - SC Braga |
O venres 7 disputarase a fase final do torneo, coas semifinais e a final, ideadas baixo un formato de partidos cunha duración dunha hora (dúas partes de 30 minutos e un descanso de 10 minutos). En caso de empate, habería unha quenda de penaltis -cinco por equipo-. O primeiro e o cuarto clasificado da primeira fase xogarán ás 10.00 horas, o segundo e o terceiro clasificado farán o propio ás 11.15 horas e a final da Copa entre os conxuntos gañadores será a partir das 12.45 horas.
HORARIO | EQUIPOS |
10.00 horas |
1º clasificado - 4º clasificado |
11.15 horas |
2º clasificado - 3º clasificado |
12.45 horas |
Final do torneo |
Haberá trofeos para o campión e o subcampión, así como para o terceiro e cuarto clasificados.
O legado dunha pioneira, a coruñesa Irene González Basanta
O torneo renderalle homenaxe a unha pioneira do fútbol feminino, a coruñesa Irene González Basanta, que a comezos do século XX desafiou os estereotipos da súa época e cumpriu o seu soño de xogar ao fútbol, chegando a fundar un club na cidade, o Irene Fútbol Club, no que ela era a única muller do equipo, sendo ademais a capitá.
"O exemplo de Irene abriu camiño a rapazas que hoxe son profesionais do fútbol feminino. Con todo, moitas nenas que queren xogar ao fútbol non dan o paso pola existencia, aínda actualmente, de prexuízos contra os que debemos seguir loitando no conxunto da sociedade", apunta a alcaldesa, Inés Rey, que puxo como exemplo desta loita a clubs como o Orzán, "un dos clubs pioneiros en fútbol feminino na Coruña, xunto ao Victoria, e que leva anos impulsando a creación dunha base sólida e referencial a nivel autonómico".
O Plan de Igualdade no Deporte coruñés, pioneiro en España
Ademais, Inés Rey quixo poñer en valor o balance que amosa o primeiro Plan de Igualdade no Deporte da Coruña, un estudo pioneiro a nivel nacional que ten, como principal finalidade, a elaboración dun diagnóstico cualitativo-cuantitativo que permita reflectir a situación real da muller no deporte local.
Os resultados, presentados este xoves no Ágora, destacaron positivamente o papel das Escolas Deportivas Municipais, que contan cunha presenza maioritaria de mulleres, de case o 75 %. Por outra banda, o 50 % das bolsas a deportistas do Concello concedéronse a mulleres. Os datos foron recompilados baseándose no traballo elaborado pola mesa da Igualdade do Consello Municipal do Deporte, que preside a alcaldesa.
Lo sentimos pero tu navegador es muy antiguo para poder mostrar esta página. Debes de actualizarlo o usar un navegador compatible. Hemos optimizado esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari y Microsoft Edge. Instalar ahora un navegador compatible