21 de octubre de 2020
A Xunta de Goberno Local dálle luz verde ao programa “Talón restaurante” por un importe de 600.000 euros
.- A Xunta de Goberno Local aprobou inicialmente unha modificación do proxecto de urbanización do sector 7 do recinto feiral, en Someso, que permitirá finalizar a construción de espazos públicos nese ámbito e continuar coas licencias de obra en curso. O proxecto, que foi presentado pola Xunta de Compensación deste sector, someterase a exposición pública durante un mes. Ademais, o concello notificará os cambios ás persoas afectadas e solicitará as autorizacións e informes correspondentes.
A alcaldesa, Inés Rey, sinalou que "con este primeiro paso no ámbito de Someso desbloqueamos a urbanización do desenvolvemento que dotará de espazos libres e mellorará a calidade do espazo público do barrio despois de anos de parálise".
Tamén aprobou o programa "Talón restaurante" por un importe de 600.000 euros e un período dun ano (decembro 2020-decembro 2021). A través deste programa, que atende a 700 persoas, o concello busca promover a relación das persoas maiores coa súa contorna social máis próxima e proporcionarlles unha alimentación sa.
Desenvólvese en todo o municipio, xa que en todos os barrios dispoñen de establecementos de hostalería adheridos a esta rede. Desta maneira, as persoas usuarias poderán obter un talonario mensual de entre 10 e 25 talóns restaurante dependendo da situación persoal. Cada un dos talóns restaurante ten un valor de 4,24 euros para aquelas persoas participantes que teñan capacidade económica superior ou igual ao IPREM, e de 5,80 euros para aquelas persoas cuxa capacidade económica sexa inferior ao IPREM.
O programa está destinado a persoas maiores de 65 anos, persoas que reciben pensión por invalidez, viuvez e xubilación, vítimas de violencia de xénero maiores de 60 anos e persoas menores con discapacidade igual ou superior ao 65% que sexan familiares conviventes de persoas beneficiarias do programa.
Ademais, a Xunta de Goberno Local autorizou á adxudicación das obras de reforma do campo de fútbol de Eirís por un millón de euros. Os traballos inclúen a construción de vestiarios, campo de fútbol de herba artificial e peche perimetral. Asumirá os traballos a empresa Arias Hermanos. O prazo de execución das obras é de oito meses, polo que o novo terreo de xogo estará rematado no verán de 2021.
A alcaldesa, Inés Rey, sinalou que se trata dunha actuación moi demanda polos clubs e que permitirá aumentar as infraestruturas deportivas na cidade.
Doutra banda, a Xunta de Goberno Local fixou os días 16 de febreiro, martes de Entroido, e os 24 de xuño, festividade de San Xoán, como festas locais para o ano 2021.
O órgano municipal autorizou o aprazamento temporal das obras de restauración do Xardín de San Carlos debido á resolución de suspensión do permiso outorgado en xuño do 2019 por parte da Xefatura Territorial da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda na Coruña. A suspensión estenderase ata a autorización efectiva das obras pola consellería. O concello presentoulles a semana pasada o proxecto ás persoas responsables de Patrimonio Natural para a súa avaliación. A suspensión está motivada polas alegacións presentadas por tres persoas ante a posibilidade de que durante as obras se lles ocasionen danos aos olmos centenarios.
Ademais na sesión de hoxe, a Xunta de Goberno aprobou contrato para adquirir novos chalecos antibalas da Policía Local por un prazo de tres anos e un importe anual de 208.500 euros.
Tamén se informou das 19 licenzas urbanísticas que se resolveron desde o 2 até o 15 de outubro. Así como dos 84 expedientes de obras en réxime de comunicado, 23 de exercicio de actividades en réxime de comunicación previa e 8 de exercicio de actividades en réxime de declaración responsable.
Doutra banda, o persoal responsable municipal deulle luz verde ao proxecto para construír o aparcadoiro público do parque Adolfo Suárez que conta cun orzamento de licitación de 578.385 euros e ampliou durante un ano a encomenda a Emvsa da xestión para a posta en funcionamento do banco de vivendas en réxime de alugueiro con destino a colectivos con dificultades de acceso a vivendas por un importe de 450.000 euros.
O Goberno tamén ten previsto prorrogar o servizo de mantemento das áreas infantís, biosaudables e espazos lúdicos da cidade adxudicado a Jardinería Arce SL polo período comprendido entre o 31 de outubro de 2020 e o 28 de febreiro por un importe de 130.720 euros.
No ámbito educativo, prorrogarase o contrato de limpeza dos centros de Educación Infantil e Primaria, CEIPS; de Educación Especial, CEE, e centros públicos de Educación e Promoción de adultos EPAPU adxudicado a ITMA SL para o período do 16 de xaneiro de 2021 ao 15 de xaneiro de 2020 por un importe de 1.283.628 euros.
Lo sentimos pero tu navegador es muy antiguo para poder mostrar esta página. Debes de actualizarlo o usar un navegador compatible. Hemos optimizado esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari y Microsoft Edge. Instalar ahora un navegador compatible