Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

4 de xuño de 2024

O Concello inicia as obras de reurbanización do cruzamento entre a rúa Bergondo e Casanova de Eirís, no barrio do Castrillón

A intervención, que dá resposta a unha solicitude veciñal para mellorar a accesibilidade e visibilidade xeral preto do centro cívico, é unha das 17 actuacións financiadas con fondos Next Generation que o Goberno de Inés Rey executará nos barrios da cidade

O Concello pon en marcha as obras para reordenar o cruzamento entre a rúa Bergondo e a avenida Casanova de Eirís, unha intervención impulsada polo Goberno de Inés Rey co obxectivo de mellorar a accesibilidade xeral neste enclave, dando resposta a unha solicitude da veciñanza do barrio do Castrillón.

A medida máis destacada será a construción dunha nova rotonda na intersección entre a rúa Bergondo e Casanova de Eirís, que terá un diámetro de 18,5 metros e permitirá reconfigurar unha intersección que, pola súa disposición actual, tiña unha ampla marxe de mellora en termos de visibilidade, tanto para as persoas viandantes como para os vehículos.

A esta actuación sumarase, tamén, a reconfiguración do treito de Casanova de Eirís comprendido entre as rúas Abegondo e Bergondo, que pasará a contar cun carril por sentido para a circulación do tráfico rodado. Isto suporá, en paralelo, a reordenación dos espazos de estacionamento, que pasarán a estar dispostos en batería e sumarán 23 prazas. Actualmente, son 32 e pasarán a ser 55, das que dúas serán exclusivamente PMR.

A maiores, habilitaranse tanto unha nova área de estacionamento de ciclomotores como un aparcabicis preto dos accesos ao centro cívico do Castrillón.

Tal e como se anunciou ao licitar os traballos, o Concello ten previsto acometer neste sector a ampliación da mediana. Tamén das beirarrúas, onde se disporán pavimentos diferenciados, que facilitarán, por exemplo, o tránsito das persoas invidentes ou con mobilidade reducida no seu acceso aos pasos peonís.

Os traballos previos, de sinalización e aviso, comezaron este luns

O plan de obra para reordenar o cruzamento entre a rúa Bergondo e a avenida Casanova de Eirís arrincou este luns. Entre onte e hoxe xa se instalaron as casetas de obra, valados e sinais verticais para executar os traballos auxiliares necesarios con vistas ás variacións que experimentarán os percorridos asociados ás liñas 1, 12-A e 14 do transporte urbano, liñas que circulan, habitualmente, polo treito afectado polas obras.

A este respecto, a liña 1 pasará a realizar a parada de cabeceira na rúa Abegondo, 3, mentres que a liña 14 fará o propio na rúa Curtis, 6.

Os cortes do tráfico rodado en Casanova de Eirís serán efectivos a partir do vindeiro martes 11.

O Castrillón, punto de partida dos novos investimentos con fondos Next

O inicio dos traballos entre a rúa Bergondo e a avenida Casanova de Eirís marca o punto de partida das 17 intervencións urbanísticas que executará o Goberno de Inés Rey nos barrios da cidade grazas á financiación captada na segunda convocatoria de fondos Next Generation. Ademais do Castrillón, haberá actuacións nos Mallos - A Sardiñeira, Agra do Orzán, Monte Alto, Elviña, o Barrio das Flores, A Falperra, Eirís, a contorna de Santa Margarida e Agrela.

Entre as obras que se levarán a cabo están as melloras de accesibilidade previstas entre O Peruleiro e a rúa Barcelona; a instalación das escaleiras mecánicas que permitirán salvar o desnivel existente entre as rúas Adelaida Muro e Ángel Rebollo; as obras de reurbanización da avenida da Sardiñeira e as rúas Pla y Cancela, Padre Sarmiento e San Mateo; a construción de dúas novas rotondas entre a avenida de Fisterra e as rúas Gútemberg e Gambrinus; a instalación de dous novos ascensores na rúa Pintor Villar Chao; e as obras para mellorar a accesibilidade na rúa Doutor Camilo Veiras, ante o Centro Oncolóxico Rexional. O abano de intervencións inclúe, tamén, diversas melloras de accesibilidade en once paradas de autobús da cidade.

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión