Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

11 de setembro de 2024

O Concello pon en marcha o novo Plan de Seguridade para reforzar a seguridade cidadá

A alcaldesa presentou a estratexia, vertebrada en cinco áreas: persoal e formación, reforzo da presencia policial, policía comunitaria e mediación, reforzo tecnolóxico e vertente social

A alcaldesa, Inés Rey, presentou esta mañá o novo Plan de Seguridade posto en marcha para a mellora continua da seguridade cidadá na Coruña. Rey, acompañada da concelleira de Seguridade e Interior, Montserrat Paz, detallou as medidas da nova estratexia: "Somos conscientes de que a seguridade é un dos temas que preocupa á cidadanía e por iso estivemos traballando na posta en marcha dun Plan de Seguridade, efectivo desde hoxe mesmo".

O Plan de Seguridade recolle parte da acción incluída no Plan Local de Seguridade, xa en marcha en colaboración con resto de forzas e corpos de seguridade. As novidades presentadas teñen un dobre obxectivo: abordar a seguridade de forma integral e dotar aos veciños de maior información, contacto e interlocución coa policía local. Está vertebrado en cinco áreas principais: persoal e formación, reforzo da presencia policial, policía comunitaria e mediación, reforzo tecnolóxico e vertente social.

Reforzo do persoal e formación

A rexedora sinalou que "A Coruña precisa dun corpo policial moderno e competitivo" polo que impulsará a formación dos e das axentes en materia de novos fenómenos delictivos e formas de delincuencia. Lembrou que A Coruña conta dende outubro  de 2023 con 40 novos e novas axentes de Policía Local: "Foi a maior incorporación dende 1992 e completou o cadro de persoal máis numeroso de Galicia" aseverou. Asemade, o Goberno local aprobou este ano unha OPE con preto de 20 prazas para Policía Local seguindo o obxectivo de ampliar e reforzar o servizo de referencia en Galicia.

Maior presenza policial na rúa

Reforzarase a presenza de patrullas a pé de rúa, incrementando en zonas comerciais e puntos identificados como sensibles (lugares e horas con maior presencia de persoas ou posibilidade de colisión de infraccións). Tamén serán considerados puntos críticos aqueles nos que existe unha maior alarma veciñal co obxectivo de mellorar a cota de seguridade.

Estratexia de Policía Comunitaria

A alcaldesa comprometeuse a reforzar a canle de comunicación creada coas entidades veciñais e asociacións de comerciantes con reunións co servizo de policía,  nas que poidan facer as súas achegas e obter o punto de vista policial. Nese sentido, a alcaldesa anuncio a creación da Mesa de Seguridade e Convivencia da que formarán parte as entidades veciñais, comerciantes, hostaleiros e policía (local e nacional): "Reunirase trimestralmente para informar aos veciños e axentes da cidade da evolución da seguridade e recoller as súas suxestións e inquedanzas".

Rey sinalou que moitos dos conflitos teñen que ver coas comunidades de edificios. Así, o Concello porá en en marcha un convenio co Colexio de Avogados para asesorar as comunidades de veciños en materia de convivencia cidadá: "O que se pretende é que poidan recibir asesoramento sobre as actuacións legais que poden realizar respecto a actividades insalubres ou que perturban a convivencia das comunidades e asesorar aos propietarios dos trámites a realizar cando a súa vivenda ten sido ocupada" explicou a rexedora. Ademais, anunciou a creación dun novo servizo de mediación da policía local, que se encargará de potenciar a resolución de conflitos veciñais, especialmente os que xeren alarma veciñal. Os axentes contarán con formación especializada e servirán de enlace entre os veciños e o Concello. 

Reforzo tecnolóxico

Co obxectivo de obter unha resposta máis áxil e eficaz por parte da Policía Local, a alcaldesa anunciou unha renovación do mapa de seguridade na cidade cos puntos sensibles e incidentes abertos en tempo real, a través dun mapa dinámico. Incorporarase a información que se obtén das reunións coas asociacións veciñais, comercios ou hostalería obridas forma habitual así como as suxestións que chegan ao Concello a través do 010 e do SYR e do mail da Policía Comunitaria: "O obxectivo que temos é mellorar este mapa para que ademais de que estea dispoñible na sala 092, as patrullas poidan acceder en tempo real". Ademais, o Concello traballa para a xeolocalización dos axentes a través dos seus teléfonos, de forma que desde a sala se poda avisar aos máis próximos á incidencia. 

"Estamos a desenvolver novas ferramentas para que os axentes poidan acceder á aplicación da Eurocop desde a rúa e así poder ver os datos da plataforma sen ter que chamar á sala, renovando os smartphones policiais e adquirindo tablets para todos os vehículos do servizo" explicou. Tamén anunciou que o Goberno local está a traballar na posta en marcha dunha app de reforzo de seguridade nos comercios que permitiría a conexión inmediata dos comerciantes coa policía a través dos seus teléfonos móbiles. "Neste momento estamos a desenvolver a aplicación, pero a idea é que os comerciantes podan dar alerta á policía dun incidente a través dos seus teléfonos móbiles" indicou Rey.

Vertente social

Dende unha perspectiva social, Rey fixo fincapé no incremento do consumo de estupefacientes na cidade: "Isto está detrás de moitos pequenos furtos e incidentes que alteran a convivencia e por iso poremos en marcha un estudo coa universidade da Coruña para a elaboración dun Plan Local sobre drogas que estableza as accións a desenvolver en materia de prevención de drogodependencia e xestión das mesmas". Ademais, demandou unha maior implicación da Xunta de Galicia como responsable das competencias en sanidade.

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión