7 de octubre de 2024
Inés Rey: “Unha vez máis o Concello irá máis alá das súas competencias para atender unha ampla porcentaxe da poboación, de todas as idades, que padece un problema cada vez máis expandido”
A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, presentou hoxe as liñas xerais do Programa Municipal Experimental de Atención e Inclusión Social da Soidade non Desexada. Rey, que estivo acompañada pola concelleira de Benestar Social, Nereida Canosa, explicou que a actuación enmárcase dentro do Plan de saúde mental que ten en marcha o Concello e que busca facer fronte desde o ámbito municipal a un dos grandes problemas que lle afectan a unha crecente porcentaxe da sociedade. "Unha vez máis o Concello irá máis alá das súas competencias para atender unha ampla porcentaxe da poboación, de todas as idades, que padece un problema cada vez máis expandido", indicou Rey,
O novo plan está deseñado para atender a todos os sectores da poboación afectados pola soidade non desexada, persoas maiores, mais tamén persoas mozas, persoas con discapacidade, persoas en situación de desemprego e outros colectivos que segundo os estudos padecen ese tipo de situación.
Segundo o Barómetro da Soidade non Desexada en Galicia, indicou a alcaldesa, o 19,8% da poboación afirma sentirse nesa situación, sendo do 20% a poboación maior e o 35,5% da xuventude a que se cataloga nese ámbito. Das persoas maiores que viven soas en Galicia, o 46,7% revelan o seu malestar por esa situación.
No ámbito nacional, explicou Rey, máis dunha cuarta parte da poboación entre 16 e 29 anos afirma sentirse soa, porcentaxe que se eleva nos casos de persoas que están en situación de desemprego, discriminación ou discapacidade.
Para facer un diagnóstico preciso da situación na Coruña e para poder atender cos medios necesarios esa poboación o Concello actuará coa implantación do novo plan que empezará a funcionar en tres fases. A primeira delas, que arrinca este mesmo mes, ten como fin a detección de situacións de illamento social e soidade. Un diagnóstico xeral da cidade que se estenderá ata setembro do ano 2025. En xuño dese mesmo ano comezará xa a segunda fase, na que se elaborarán os proxectos de intervención cos datos obtidos, que deberán estar rematados en decembro do 2026. A execución de deses plans porase en marcha desde o ano 2026 en diante.
O plan, cunha duración inicial de tres anos, ten un orzamento total de 3,4 millóns de euros, dos cales 277.000 investiranse para a contratación dos primeiros equipos. Un total de 26 técnicos, entre traballadores/as sociais, educadores/as sociais, auxiliares de atención cidadá e técnicos/as de administración, serán as persoas encargadas dos traballos.
"Damos un paso moi importante e sen precedentes neste Concello para poder facer fronte a un problema que lles afecta a moitos cidadáns e cidadás. Oxalá a Xunta atendese desde as súas competencias en materia sanitaria estas situacións, mais non o fai e por iso, como en tantos outros ámbitos, o Concello actuará para mellorar a calidade de vida nesta cidade", indicou Rey.
25 de noviembre de 2024
18 de noviembre de 2024
19 de octubre de 2024
Lo sentimos pero tu navegador es muy antiguo para poder mostrar esta página. Debes de actualizarlo o usar un navegador compatible. Hemos optimizado esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari y Microsoft Edge. Instalar ahora un navegador compatible