27 de septiembre de 2024
A Xunta de Goberno Local aprobou hoxe a saída a concurso dos traballos, que contan cun orzamento de máis de oito millóns de euros
A alcaldesa, Inés Rey, presidiu esta mañá unha sesión extraordinaria da Xunta da Goberno Local, na que se deu luz verde á licitación das obras de reurbanización dos Cantóns entre a rúa Juana de Vega e a Autoridade Portuaria.
"É unha das intervencións máis destacadas das que temos previsto poñer en marcha durante este mandato e que supón o primeiro paso para a integración dos terreos portuarios na cidade", indicou hoxe a rexedora, que lembrou as principais liñas estratéxicas dunha intervención que conta cun orzamento base de 8.037.585 euros. A intención do Goberno municipal é que os traballos se adxudiquen no primeiro trimestre de 2025, sendo, a efectos prácticos, o inicio da fase cero do proceso de apertura do porto á cidade.
Neste sentido, o obxectivo é culminar unha iniciativa que se remonta aos anos da pandemia. Por aquel entón, o Concello levou a cabo unha reestruturación do tráfico rodado e tamén se ampliaron, cun formato provisional, os espazos peonís dos Cantóns. "Foi un primeiro paso que nos axudou a ter un termómetro da aceptación da cidadanía con vistas ao proxecto de remodelación total. E coido que a experiencia foi moi positiva para reforzar a idea de que os Cantóns, a porta de entrada ao centro da nosa cidade, deben ser un espazo público no que as persoas e a mobilidade sostible sexan protagonistas", apuntou Rey.
A medidas como a ampliación dos espazos peonís sumaranse outras como a nova bancada que se habilitará sobre o aparcadoiro dos Cantóns, "un enclave que se converterá en algo parecido a unha sala de estar, a un punto de encontro e reunións para a cidadanía".
Ademais, no contexto das obras tamén se mellorará e ampliará o carril bici que bordea os Xardíns de Méndez Núñez para que pase a ser bidireccional, conectándoo co novo percorrido que xa se está a construír entre a rúa Nova e o Paseo Marítimo do Orzán. "Desta forma, seguimos avanzando para incrementar os quilómetros de rede ciclable dispoñibles na cidade, que actualmente son máis de 53", expuxo a alcaldesa.
Conectar as arterias comerciais da praza de Lugo e a rúa Real
A reconfiguración dos Cantóns executarase atendendo á súa realidade como paso intermedio entre dúas das principais arterias comerciais da cidade: a praza de Lugo e a rúa Real. "O lóxico é darlle unha sintonía urbanística e estética ao percorrido que conecta estes dous puntos, e ese é outro dos conceptos que impulsa as obras que levaremos a cabo", explicou hoxe Inés Rey. A este respecto, a esquina que marca a confluencia con Juana de Vega, no Cantón Pequeno, tamén será remodelada para reforzar esa continuidade peonil.
A rexedora incidiu en que todas estas medidas lévanse a cabo tendo en conta o pasado dos Cantóns, a súa historia, "que expón a súa condición como un dos espazos máis emblemáticos da Coruña", e subliñou, unha vez máis, o traballo de todas as persoas implicadas no proxecto, "porque os Cantóns son unha iniciativa colectiva", con achegas dos redactores e na que tamén tivo protagonismo o persoal profesional de Urbanismo, Infraestruturas e Mobilidade do Concello.
A peonalización de Entrexardíns
A idea de recuperar o vínculo e a proximidade co Porto tamén se verá materializada coa peonalización de Entrexardíns, que no proxecto se interpreta como unha entrada central da cidade cara aos peiraos de Batería e Calvo Sotelo. Desta forma, os Xardíns de Méndez Núñez volverán estar unidos e cunha continuidade peonil entre os seus espazos naturais e a explanada contigua ao Palco da Música.
Inés Rey informou de que a intervención nos Cantóns xa conta, no seu conxunto, coa autorización da Dirección Xeral de Patrimonio e tamén co ditame favorable da comisión do PEPRI, o que posibilitou os avances para licitar as obras antes de finais de ano.
A alcaldesa destacou novamente "o espírito de colaboración interadministrativa que houbo coa Xunta de Galicia para dar este paso, fundamental á hora de revitalizar un espazo histórico da nosa cidade, que marca o punto de partida para abrírmonos camiño na recuperación da fachada marítima".
O texto da nova Ordenanza xeral de xestión, aprobado
Noutra orde de asuntos, na Xunta de Goberno Local desta mañá tamén se aprobou a nova Ordenanza xeral de xestión, recadación e inspección dos tributos e outros ingresos. Esta ordenanza substitúe a normativa anteriormente vixente, que nalgúns casos se remonta ao ano 2008 ou 2015.
A ordenanza, que deberá pasar polo Pleno municipal para a súa aprobación definitiva, ten como principal finalidade adaptar o texto á realidade actual, para conseguir unha mellor e máis eficaz xestión tributaria, evitando novas cargas administrativas innecesarias.
"Cómpre lembrar que esta nova ordenanza non supón máis cargas nin obrigas administrativas. Só se trata de conxugar, nun mesmo texto, a regulación fiscal, o que facilitará a súa consulta e accesibilidade para a cidadanía", indicou a alcaldesa. Refórzase, ademais, o principio de seguridade xurídica.
Lo sentimos pero tu navegador es muy antiguo para poder mostrar esta página. Debes de actualizarlo o usar un navegador compatible. Hemos optimizado esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari y Microsoft Edge. Instalar ahora un navegador compatible