Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

14 de outubro de 2024

O Concello traballará cos centros educativos da Coruña para reforzar as iniciativas de igualdade e diversidade, cun programa que se iniciará no segundo trimestre

O Goberno de Inés Rey destina máis de 123.000 euros a esta iniciativa, que incluirá talleres formativos e pedagóxicos para o alumnado en idades desde educación infantil ata formación profesional

O Concello reforza as súas iniciativas en materia de igualdade coa saída a concurso do Programa educativo de igualdades, diversidades e prevención das violencias machistas, unha iniciativa que se desenvolverá nos centros educativos da Coruña "co obxectivo de concienciar e implicar nesta tarefa as xeracións máis novas, sendo como son fundamentais para sentar as bases dunha sociedade máis xusta, tolerante e respectuosa coa diversidade", apuntou a alcaldesa, Inés Rey. 

O Goberno municipal prevé executar o programa ao longo deste curso e, en virtude do estipulado nos pregos do contrato, tamén se poderá ampliar a iniciativa por un ano máis, durante o curso 2025-26. A temática das sesións, ideadas baixo un formato lúdico e interactivo, variará en función da idade do alumnado, xa que os talleres van dirixidos dende a rapazada de 4 anos, en idade de educación infantil, á mocidade de 20 anos, en formación profesional básica e de grao medio, pasando por primaria, secundaria e bacharelato.

"Desta forma, poderemos achegarnos a distintas franxas de idade, escoitando as vivencias e experiencias do alumnado, tamén facéndoos partícipes dunha medida moi necesaria, que non só axudará a sensibilizar sobre a importancia do respecto interpersoal independentemente do sexo, raza, etnia, cultura, diversidade funcional ou identidade sexual, senón que deixará unha semente de futuro para as xeracións que virán", estima a concelleira de Benestar Social, Igualdade e Participación, Nereida Canosa.

Unha oferta de máis dun milleiro de horas de formación

Os talleres formativos desenvolveranse no segundo e terceiro trimestre do curso escolar, mediante catro modalidades diferenciadas: xogos e historias para crecer en igualdade; aprender en igualdade creando; os talleres de saúde afectiva e sexual; e, por outra banda, foros de debate.

Cada unha destas modalidades vai destinada a un público obxectivo e, por iso, as temáticas que se abordarán tamén serán diferentes en función de cada taller. No caso dos ideados para os máis pequenos, os xogos, disfraces e contos serán protagonistas, e xa en idades máis avanzadas atenderase a cuestións como as redes sociais, a prevención da violencia sexual, a abordaxe da xestión emocional ou a imposición de canons estéticos, entre moitos máis aspectos.

As técnicas de traballo tamén variarán en función das formulacións de cada taller. No caso dos orientados a aprender en igualdade creando, dirixidos ao alumnado de 3.º a 6.º de primaria, 1.º e 2.º de ESO e de FP básica, o Concello prevé que a rapazada se achegue a formatos aos que, por idade, é máis próxima. É o caso dos cómics, a ilustración, curtas e podcasts, formatos que nas sesións de traballo serán abordados con perspectiva de xénero.

En todos os talleres se traballará, ademais, con metodoloxías participativas tanto de carácter individual como en dinámicas de grupo. 

A estimación dos servizos municipais é que se ofertarán, aproximadamente, 291 talleres, con máis dun milleiro de horas de formación. Unha vez que se adxudique o contrato do programa, e se habilite o prazo de solicitude e inscrición correspondente aos centros educativos, o Concello notificará a súa apertura a través das súas canles oficiais, na plataforma do plan Coruña Educa.

En total, o Concello destinará unha partida de 123.284,74 euros ao Programa educativo de igualdades, diversidades e prevención das violencias machistas, un investimento que inclúe tanto o desenvolvemento do programa para este curso lectivo como de cara ao vindeiro.

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión