17 de octubre de 2018
A Concellería de Igualdade abre a licitación, por valor de 126.132 euros, do contrato para o deseño de actuacións, que inclúen a elaboración dun proceso de acompañamento, deseño de follas de ruta, formación a entidades ou a creación do distintivo que recoñecerá os espazos libres de violencias machistas na Coruña
A Concellería de Igualdade e Diversidade dá un novo paso de cara a avanzar no obxectivo do goberno local de acadar unha Cidade Libre de Violencias Machistas. A área que dirixe Rocío Fraga vén de publicar no Perfil de Contratante a licitación do conxunto de actividades e programación que permitirá a implantación, o ano que vén, do Pacto Social por unha Cidade Libre de Violencias Machistas, o compromiso consensuado coa veciñanza para traballar na creación dunha estratexia municipal de prevención e intervención fronte as violencias machistas.
Tal e como apunta a edil, nesta segunda fase do proceso de dinamización cidadá, posto en marcha polo executivo local en novembro de 2016, o Concello pretende "afondar no fomento do trato respectuoso e incluínte" a través do traballo directo "con tres ámbitos de especial incidencia na cidade", como son a hostalería e os locais de ocio nocturno, os medios de comunicación e o tecido asociativo do ámbito sociosanitario. "O impulso e aplicación de cambios reais e efectivos pasa por contar cunha cidadanía concienciada e proactiva. Para isto cómpre ter en consideración a grupos clave que impliquen especial afluencia de público, conten cunha importante responsabilidade social á hora de concienciar e previr comportamento indesexados ou teñan un papel activo no desenvolvemento e acompañamento veciñal", sinala Fraga.
De cara a esta nova fase do proceso a Concellería de Igualdade pretende desenvolver os acordos que se recollen no documento do Pacto Social, presentado en maio de 2017, e que abranguen a necesidade de poñer en marcha no termo municipal unha formación específica así como apoio técnico para poder poñer en marcha accións e condutas concretas para prever e erradicar calquera forma de violencia machista. O texto, que se pode consultar na páxina web www.coruna.gal/igualdade, apunta tamén ao lanzamento de campañas específicas na loita contra as violencias, entre outras propostas. "O Pacto vai alén das palabras e quere ser unha ferramenta útil no camiño cara a outros modelos de convivencia máis igualitarios e máis xustos, e que recollan o respecto á diversidade e pluralidade da nosa cidade", especifica Rocío Fraga.
A aplicación da segunda fase do Pacto Social, que se desenvolverá ao longo de 18 meses, incluirá a mobilización das adhesións ao pacto así como dinamizar a posibilidade de aumentalas tendo como referencia os grupos clave --medios de comunicación, hostalería, locais de ocio nocturno e tecido asociativo--. O Concello establecerá follas de ruta para cada un dos ámbitos e asesorará tecnicamente para a súa implementación, ademais de elaborar unha proposta de bolsas de accións concretas vinculadas á detección e actuación fronte ás violencias machistas que poidan ser de interese para á cidadanía en xeral.
Entre as principais novidades desta nova etapa situarase o deseño e produción de novos materiais, como a creación dun distintivo xenérico do Pacto Social que dea conta das adhesións ao mesmo, así como dun material específico que recoñeza á entidade como un Espazo libre de violencias machistas, que se entregará a todas aquelas que realicen a totalidade, ou unha parte significativa cando menos, das medidas recollidas nas follas de ruta. "Esta simboloxía visibilizará, publicamente, o traballo e o compromiso real pola igualdade e fronte ás condutas machistas por parte da entidade", apunta Fraga, quen destaca a elaboración dunha nova cartografía da cidade "que sitúe nun mapa as empresas que se recoñecen polo seu respecto á igualdade e que actúan contra as violencias machistas". Este mapa, tal e como apunta a responsable municipal, tamén funcionará como unha base sobre a que a Concellaría de Igualdade, por medio da implicación cidadá, poida facer un seguimento daquelas entidades ou espazos que manteñan no tempo este compromiso por unha cidade libre de violencias machistas.
Formación e puntos de información
Na segunda fase do Pacto Social por unha cidade libre de violencias machistas, o goberno local desenvolverá tamén unha formación presencial e online específica sobre igualdade, dirixida a empresas e entidades e á poboación en xeral, e que incluirá tanto un curso básico de igualdade e prevención das violencias machistas, como accións formativas especializadas en función do sector ao que se dirixe. Esta iniciativa virá acompañada pola creación de material informativo específico e un conxunto de guías que darán forma ao I Protocolo Municipal de Actuación fronte ás violencias machistas. Todos estes materiais estarán dispoñibles para a veciñanza en formato físico e tamén para a súa descarga a través do portal web do Concello, nun novo espazo virtual no que se dará conta de todas as actuacións vinculadas ao desenvolvemento do Pacto.
Ademais, estableceranse puntos de información sobre o Pacto así como sobre o contido dos materiais elaborados. Estes espazos, que contarán con dúas profesionais e que se establecerán nun mínimo de seis ocasións ao longo do ano, ofrecerán á veciñanza, con carácter xeral, información sobre dereitos e formas de actuar fronte a unha situación de violencia machista, ademais do acompañamento a rapazas e mulleres vítimas de violencias sexuais.
Para o desenvolvemento destas actuacións, cuxo prazo de presentación de ofertas rematará o mércores 31 de outubro, o Concello investirá un total de 126.132,25 euros. De cara á execución técnica do servizo, a empresa adxudicataria deberá contar, cando menos, con dúas persoas dinamizadoras formadas en xénero --con especial fincapé na violencia machista--. Entre os criterios que se terán presentes estarán a formación ou experiencia acreditada en accións relacionadas coas persoas LGTBQI, así como en procesos participativos ou de dinamización grupal.
Lo sentimos pero tu navegador es muy antiguo para poder mostrar esta página. Debes de actualizarlo o usar un navegador compatible. Hemos optimizado esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari y Microsoft Edge. Instalar ahora un navegador compatible