19 de outubro de 2024
O Concello impulsa un amplo abano de propostas para todos os públicos. Haberá venda de produtos de proximidade e, en paralelo, iniciativas de ocio e lecer entre as 10.00 e as 13.30 horas
O Concello promove esta fin de semana unha nova edición do mercado ecolóxico municipal, que volve a unha das súas localizacións recorrentes ao longo do ano, o Campo da Leña. Será este domingo 20 de outubro, das 10.00 ás 15.00 horas.
Como xa é habitual, comercios de proximidade habilitarán os seus postos de venda ao longo da mañá, contribuíndo así a visibilizar o produto local. O apoio e impulso ao pequeno e mediano comercio é un dos compromisos asumidos polo Goberno de Inés Rey en materia de dinamización económica a escala municipal, de aí que os mercados ecolóxicos se estean levando a cabo baixo un formato rotatorio e en expansión aos barrios, que, durante os últimos meses, posibilitou a realización deste tipo de eventos en puntos como o Paseo das Pontes, Novo Mesoiro, a praza de Azcárraga e a de Pablo Iglesias, no Castrillón.
Ademais, este domingo tamén haberá actividades para todos os públicos no Campo da Leña. A programación arrincará ás 10.00 horas coa apertura dun espazo de dinamización infantil ideado para que o gocen as crianzas.
Xa ás 10.30 horas comezará unha clase de ioga impartida por Marta R. Lozano, do proxecto Quimera. Será unha sesión de hora e media de duración, na que as persoas asistentes aprenderán nocións básicas para o autocoidado e o traballo de mente a través do corpo.
A maiores, e a partir das 11.30 horas, as e os máis pequenos poderán participar nun obradoiro creativo no que aprenderán a elaborar ourizos de xoguete. Para asistir ao taller será preciso inscribirse previamente no propio mercado, que será de balde cunha capacidade máxima para 15 nenas e nenos. O obradoiro durará unha hora.
A programación de actividades que se ofrecerá en paralelo á venda de produtos rematará cun coloquio sobre enerxías renovables e consumo de electricidade a cargo da Sociedade Cooperativa Galega 'Nosa Enerxía'. Será entre as 12.30 e 13.30 horas.
22 de outubro de 2024
18 de outubro de 2024
7 de setembro de 2024
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible