19 de diciembre de 2022
O Concello continúa a traballar na instalación de novas estacións para que o servizo municipal de BiciCoruña chegue a todos os barrios
A alcaldesa, Inés Rey, presentou este luns a nova estación de vehículos, situada no cruzamento entre a avenida de Arteixo e a rúa Industrial
A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, presentou esta mañá a nova estación do servizo municipal de BiciCoruña, situada na intersección entre a avenida de Arteixo e a rúa Industrial, no barrio da Falperra.
A nova base, que conta con 15 ancoradoiros con senllas bases de carga para os vehículos, está aberta desde hoxe para o uso e gozo da cidadanía, no seu horario habitual (das 7.00 da mañá á 1.00 da madrugada), facilitando os desprazamentos laborais a primeira hora e tamén o regreso das persoas usuarias aos seus domicilios en horario nocturno.
Inés Rey puxo en valor a estratexia de expansión de BiciCoruña a todos os barrios da cidade. "Este Goberno municipal asumiu o compromiso de expandir o servizo a todos os distritos, ata un total de 55 estacións, reforzando así a aposta por unha cidade máis próxima á mobilidade sostible, máis respectuosa co medio ambiente", dixo a rexedora.
Ademais, a alcaldesa fixo balance do impacto de BiciCoruña tras a renovación que acometeu o Goberno municipal entre os meses de xuño e xullo do pasado verán, co obxectivo de actualizar o servizo por primeira vez desde a súa posta en marcha, no ano 2009, hai máis dunha década. A día de hoxe, BiciCoruña conta con 5.977 persoas usuarias activas. En termos prácticos, isto supón que o novo BiciCoruña está a un paso das 6.000 persoas abonadas, "co que practicamente dobra o número de usuarias en comparación coa situación previa á renovación do servizo, cando se contabilizaban 3.058 a 12 de xuño deste ano", detallou Inés Rey, que recalcou que "a meta do Goberno municipal é chegar, no 2023, ás 10.000 persoas usuarias, como mínimo".
Ademais, no que vai de 2022, BiciCoruña acumula un total de 280.638 usos, dos que 77.023 correspóndense aos contabilizados desde comezos de ano e ata o 12 de xuño, data na que comezou a actualización do servizo, e 203.615 usos ata a actualidade, tras a apertura ao público do novo BiciCoruña, o 12 de xullo, coa súa actualización xa concretada.
29 estacións de BiciCoruña, xa operativas
Coa apertura desta base na Falperra, xa son 29 as que están operativas actualmente en toda a cidade, Seis delas (Labañou, Cidade Escolar, Durmideiras, praza de Portugal, parque de Santa Margarida e esta última, na avenida de Arteixo), foron postas en marcha neste último semestre de 2022, tras a mellora do servizo de BiciCoruña, con 514 bicicletas novas, das que 172 son eléctricas e as outras 342, mecánicas.
Segundo as previsións da área municipal de Mobilidade, as vindeiras bases que entrarán en servizo serán as que xa están instaladas na rúa Canceliña, Orillamar e a rúa Pablo Picasso, nos barrios da Agra do Orzán, Monte Alto e Elviña, só a expensas das derradeiras tramitacións administrativas.
También te puede interesar
Lo sentimos pero tu navegador es muy antiguo para poder mostrar esta página. Debes de actualizarlo o usar un navegador compatible. Hemos optimizado esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari y Microsoft Edge. Instalar ahora un navegador compatible