30 de outubro de 2024
O proxecto de obra, aprobado hoxe en Xunta de Goberno Local, contempla tamén os futuros puntos de control de acceso e tránsito das e dos visitantes
A Xunta de Goberno Local deu luz verde este mércores ao proxecto das obras necesarias para construír o valado perimetral no xacemento arqueolóxico do Castro de Elviña.
"Esta medida é fundamental para avanzar na posta en valor do xacemento, tamén para delimitar os futuros puntos de control de acceso e tránsito das e dos visitantes", indicou a concelleira Nereida Canosa na rolda de prensa posterior á XGL.
O estudo realizado no xacemento, que sustenta o proxecto, determina que para acoutar correctamente o Castro de Elviña será preciso delimitar un perímetro de case quilómetro e medio arredor dos espazos patrimoniais do Castro.
A previsión do Concello é formar este perímetro coa instalación de barras de aceiro sobre o terreo, separadas entre si de tal forma que permitirán a visión xeral do perímetro do xacemento e tamén a circulación de fauna de pequeno tamaño, mais ideadas para impedir o acceso de animais como os xabarís, que pola súa actividade poden supor alteracións tanto no patrimonio como nas áreas verdes do Castro.
"A intervención na contorna do Castro de Elviña levarase a cabo con todas as garantías de seguridade e protección sobre o xacemento, onde se traballará sen maquinaria pesada para coidar ao máximo o patrimonio alí existente", subliñou Canosa esta mañá.
O seguinte paso, unha vez aprobado o proxecto, será a licitación dos traballos. O investimento previsto polo Concello é de 350.000 euros.
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible