Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

30 de agosto de 2024

Once persoas tituladas en FP gozarán de estadías formativas de tres meses en distintas cidades europeas

No marco do programa municipal ‘Proxecto Acoreuropa’, o Concello concédelles bolsas educativas de carácter gratuíto para cinco destinos europeos

O Concello da Coruña, a través do proxecto de mobilidade Erasmus+ denominado 'Bolsas Europa FP-Proxecto Acoreuropa XII', concede bolsas a mozos e mozas recentemente titulados en ciclos superiores de Formación Profesional da Coruña. Nesta edición déronse un total de once bolsas para realizar unha estadía formativa de tres meses para cinco destinos europeos: Praga, Padua, Florencia, Lisboa ou Viena. 

O programa está dirixido a mozos e mozas que tituladas nun grao superior de FP en situación de desemprego, sen previa experiencia profesional. O obxectivo é que poidan realizar estancias formativas noutros países da Unión Europea e adquirir unha primeira experiencia profesional, ademais de habilidades lingüísticas, sociais e interculturais seguindo o compromiso do Goberno de Inés Rey para fomentar a mobilidade da mocidade coruñesa ao extranxeiro.

Á convocatoria presentáronse un total de 39 persoas, tituladas entre decembro de 2023 e xuño de 2024 nalgún dos ciclos formativos de grao superior e impartidos nos 9 centros públicos asociados ao Consorcio do programa: CIFP Ánxel Casal, CIFP Paseo das Pontes, CIFP Someso, CIFP Escola de Imaxe, IES A Sardiñeira, IES Eusebio da Guarda, IES Fernando Wirtz, IES Ramón Menéndez Pidal e IES Urbano Lugrís.

Logo do proceso selectivo, as once persoas seleccionadas trasladaranse a Italia, Portugal, República Checa e Austria do 11 de setembro ao 11 de decembro segundo destino:

  • Dúas bolsas en inglés en Praga (República Checa)
  • Catro bolsas en italiano Padua (Italia)
  • Dúas bolsas en italiano en Florencia (Italia)
  • Unha bolsa en portugués en Lisboa (Portugal)
  • Dúas bolsas en alemán ou inglés en Viena (Austria)

Cada bolsa cobre as viaxes e desprazamentos de ida e volta desde A Coruña até a poboación de destino, aloxamento e seguro de asistencia sanitaria e responsabilidade civil xunto cunha axuda económica de 1.500 euros para a manutención durante a estadía. A nivel formativo, o programa inclúe a formalización dun contrato de formación non laboral nunha empresa do país, correspondente durante un período de 90 días; titorización da estadía e das prácticas formativas por persoal especializado, tanto da empresa coma da organización intermediaria no país de destino; dúas xornadas, como mínimo, de preparación específica para as persoas participantes no programa; un curso en liña de preparación lingüística no idioma do país de destino así como a tramitación da documentación diante do SEPIE.

O concelleiro de Educación, Formación e Innovación Tecnolóxica, Juan Ignacio Borrego, destacou o programa como unha grande oportunidade educativa e de aprendizaxe persoal: "Formarse durante tres meses noutra cidade europea é unha experiencia única que lles permitirá mellorar o idioma e as súas habilidades persoais de cara o mundo profesional" sinalou. 

O proxecto, cofinanciado polo Servizo Español para a Internacionalización da Educación (SEPIE), ten un orzamento total de 53.354,46 euros dos cales 34.104,46 euros son de achega municipal. Dende a súa posta en marcha no ano 2012 participaron 248 titulados/as de FP, dos que 156 foron de grao medio e 92 de grao superior.

Reunión informativa

O vindeiro xoves 5 de setembro, ás 12.00 horas, celebrarase unha reunión informativa do programa á que asistiran as once persoas seleccionadas e o concelleiro de Educación, Formación e Innovación Tecnolóxica, Juan Ignacio Borrego.

Os bolseiros/as poderán asinar os convenios de participación e os acordos de aprendizaxe nas empresas, así como informar as persoas participantes sobre os últimos detalles da súa viaxe (documentación, equipaxe, transfer...), do seu destino (aloxamento, transportes, seguro...) e da súa estadía a nivel persoal (curso de idiomas, normas de convivencia,...) e profesional (empresas, normativa laboral, seguimento...).

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión