28 de febreiro de 2024
O Concello e a Federación Galega de Atletismo impulsan a programación desta xornada de competición no Palacio dos Deportes, na que participarán máis de medio cento de clubs e entidades
A pista cuberta do Palacio dos Deportes de Riazor acollerá o vindeiro domingo 10 de marzo unha das competicións máis importantes do calendario autonómico do atletismo galego: o Campionato de Galicia Sub-10 e Sub-12.
Nas distintas probas está prevista a participación de máis dun milleiro de persoas, entre atletas, adestradores, xuíces, persoal técnico, voluntarios e colaboradores, nunha xornada na que estarán implicados máis de medio cento de clubs e entidades deportivas.
Esta cita, promovida pola Federación Galega de Atletismo co apoio do Concello da Coruña, supón a volta dos campionatos de atletismo indoor a Riazor case sete anos despois da última proba disputada na cidade. Foi a mediados de marzo do ano 2017, cando o sintético coruñés acolleu a disputa das categorías Sub-10, Sub-12 e Sub-14.
O concelleiro de Deportes, Manuel Vázquez, puxo en valor a recuperación desta gran festa do deporte base na cidade, "que supón un grande aliciente para achegar as rapazas e rapaces ao atletismo, aprendendo, gozando e competindo nun evento que, a bo seguro, tamén servirá para incidir, xa a nivel interxeracional, na importancia do deporte para fomentar hábitos saudables no día a día, unha liña de traballo na que se está a traballar con énfase desde o Concello".
O concelleiro trasladou, ademais, o seu agradecemento á Federación Galega de Atletismo e, máis en concreto, ao seu presidente, Iván Sanmartín, polo esforzo e colaboración institucional co Concello, que abriu camiño á volta desta proba a Riazor.
Sanmartín destacou que, para a Federación Galega de Atletismo, "este é un dos eventos máis importantes do noso calendario por tratarse dun campionato na que estarán participando as categorías base do noso atletismo. Agradecemos novamente ao Concello da Coruña a súa importante colaboración e apoio no desenvolvemento do mesmo".
Cómpre lembrar que Riazor segue sendo un dos grandes focos do atletismo local, no que os clubs Marineda Atlético, Riazor Coruña, Coruña Comarca e Mochila del Deporte, entre outros, continúan a usar o recinto cuberto como punto central para o desenvolvemeno da súa actividade deportiva. Ademáis de todo isto, a pista cuberta emprégase para dar acollida a competicións oficiais e tamén aos distintos controis federados organizados tanto pola Federación como polos clubs da cidade.
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible