Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

14 de outubro de 2024

Reabre a área biosaudable de Palavea, onde o Concello cuadruplicou a superficie ampliando o circuíto para a práctica deportiva

Nas últimas semanas, o Goberno municipal acometeu un plan de melloras neste espazo situado a carón do centro cívico do barrio, onde se sumaron novos elementos deportivos para favorecer a tonificación muscular e postural

O Concello reabriu este luns a área biosaudable de Palavea, un espazo creado para fomentar a práctica de exercicio físico, situado na contorna do centro cívico do barrio, e onde o Goberno de Inés Rey completou recentemente os traballos de ampliación e mellora previstos para cuadruplicar a superficie de uso, dándolle así resposta ás solicitudes da veciñanza.

Antes da intervención, a área biosaudable de Palavea contaba cunhas dimensións de 20 metros cadrados e estaba repartida entre varios espazos individuais con firme de caucho, onde xa había equipamentos deportivos que, co seu uso simultáneo, tiñan capacidade para 11 persoas usuarias. Con todo, os últimos estudos levados a cabo polo servizo municipal de Infraestruturas incidiron na posibilidade de incrementar a superficie existente, aproveitando os espazos dispoñibles da praza, atendendo así ás demandas das e dos usuarios do parque.

Desta forma, nas últimas semanas ampliouse a área biosaudable ata un total de 90 metros cadrados, reconfigurándoa para que pase a contar con dous espazos próximos entre si, onde se habilitaron novos elementos deportivos orientados á tonificación muscular, flexibilidade, mobilidade articular, control postural.

Tamén se instalou, por exemplo, unha nova bici estática, unha das principais reclamacións das e dos veciños usuarios da área biosaudable. A maiores, habilitouse un step asistido, unha roda de estiramentos, unha bicicleta ideada para o exercicio de brazos e unhas barras paralelas.

A concelleira de Infraestruturas e Mobilidade, Noemí Díaz, puxo en valor o compromiso do Goberno de Inés Rey "para atender ás demandas e necesidades da veciñanza nos espazos públicos dos barrios da cidade", e subliñou que, nos últimos meses, ademais de en Palavea tamén se habilitou un novo espazo biosaudable na praza do Parque, entre Orillamar e Monte Alto.

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión