4 de marzo de 2025
Os concelleiros Manuel Vázquez e Nereida Canosa animaron a cidadanía a participar nesta primeira data do calendario de Coruña Corre. A participación na andaina é gratuíta
O vindeiro sábado 15 comezará a nova edición do circuíto de carreiras populares Coruña Corre, que arrincará na Torre de Hércules coa XIII Baixada Popular e a celebración da quinta Andaina Solidaria polo 8-M.
O concelleiro de Deportes, Manuel Vázquez, apuntou hoxe que xa son máis de 2.300 as persoas que se inscribiron con vistas á primeira data do calendario de Coruña Corre, que, como vén sendo habitual estes últimos anos, se organiza cunha perspectiva transversal e combínanse as probas de competición coas actividades programadas polo Día da Muller.
Este domingo 9, ás 23.59 horas, rematará o prazo para inscribirse. As persoas interesadas en participaren na carreira da Torre ou na andaina polo 8-M poden facelo a través da páxina web de Coruña Corre. Neste sentido, a concelleira de Benestar Social, Participación e Igualdade, Nereida Canosa, lembrou que a participación na andaina é gratuíta e animou a cidadanía a sumarse a esta proposta "que, ano tras ano, amosa a implicación e compromiso da Coruña coa igualdade".
A xornada deportiva comezará ás 17.00 horas no paseo dos Menhires
O Concello xa está a ultimar os preparativos de cara á xornada deportiva do sábado 15, que arrincará ás 17.00 horas no paseo dos Menhires, coas categorías inferiores. Abrirán camiño as nenas e nenos participantes na quenda de 'peques' e, xa a continuación, sairán as e os inscritos nas sub-10, sub-12, sub-14, sub-16 e sub-18.
Será ás 20.00 horas cando comece a carreira popular absoluta, cun percorrido de 6.625 metros e, pouco despois, ás 20.05 horas, sairán as persoas participantes na andaina solidaria, de case cinco quilómetros de trazado.
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible