9 de noviembre de 2022
Para asistir á visita, ás 19.00 horas, non é precisa a inscrición previa
A peza teatral, interpretada pola actriz Nerea Brey, forma parte das actividades desenvoltas dentro do Ano Internacional de María Casares
Co cuarto e último percorrido dramatizado pola vivenda natal de María Casares, mañá xoves rematará o ciclo de visitas 'Reflexos de María', con que o Concello da Coruña, a través da Área de Cultura, pon en valor a figura da actriz coruñesa e reflicte a súa infancia na cidade.
O percorrido comezará ás 19.00 horas e a entrada é libre ata completar a capacidade, polo que non se precisa a inscrición previa. Ten unha duración aproximada de 50 minutos e a idade recomendada para participar é de máis de sete anos.
'Reflexos de María' é unha proposta de teatro específica para o sitio, cunha peza deseñada especialmente para a Casa Casares Quiroga, e coa que se recupera a figura de María Casares, poñendo en valor a súa orixe coruñesa. 'Reflexos' céntrase na infancia da actriz e desenvolve un percorrido na Casa Museo Casares Quiroga, o fogar natal de María. O público percorrerá a vivenda e as vivencias persoais e profesionais da pequena María Casares, interpretada pola actriz Nerea Brey, e visitará todos os pisos da casa familiar.
A peza, creada pola propia Brey e Ernesto Is, ten a súa orixe en 'Despois das ondas' (2022), de Ernesto Is, na que o escritor evoca o regreso de María Casares á Coruña despois de converterse na gran dama do teatro francés. Esta foi a primeira peza dramática longa escrita en galego sobre a vida e a carreira da actriz, que viu a luz en 2019 no Teatro Colón da Coruña. Con motivo do aniversario da actriz, a obra foi reeditada e volve ser representada novamente na Coruña, nesta especial adaptación. A actividade enmárcase na estratexia do Goberno de Inés Rey pola posta en valor das Casas Museo, cunha variada oferta de actividades para todos os públicos.
Este programa forma parte das actividades desenvoltas dentro do Ano Internacional de María Casares, cuxa celebración remata este mes de novembro cun congreso internacional sobre a figura da actriz coruñesa e coa estrea da película de Xavier Villaverde 'María Casares: a muller que viviu mil vidas', que terá lugar o 21 de novembro, coincidindo co día do seu nacemento, do que se cumpre este ano o centenario.
7 de mayo de 2025
6 de mayo de 2025
6 de mayo de 2025
Lo sentimos pero tu navegador es muy antiguo para poder mostrar esta página. Debes de actualizarlo o usar un navegador compatible. Hemos optimizado esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari y Microsoft Edge. Instalar ahora un navegador compatible