23 de novembro de 2024
Baixo o título “María Luisa Nache, na lembranza” celebrarase un acto o vindeiro 25 de novembro na Biblioteca de Estudos Locais
A Coruña conmemora o centenario do nacemento de María Luisa Nache (1924-1985), unha das voces líricas máis destacadas da escena operística internacional e figura emblemática da cultura e historia musical coruñesa. Baixo o título "María Luisa Nache, na lembranza", o Concello organiza un acto o vindeiro 25 de novembro, ás 19.00 horas, no hall da Biblioteca de Estudos Locais, en colaboración coa Asociación de Amigos da Ópera. O concelleiro de Cultura e Turismo, Gonzalo Castro, sinalou que o evento supón "unha oportunidade única para descubrir e celebrar unha figura imprescindible da música galega e internacional".
A xornada comezará cunha presentación institucional e posteriormente terá lugar a conferencia "María Luisa Nache, a internacional soprano coruñesa", impartida por José Luis Méndez Romeu, quen afondará na traxectoria da artista e no papel de Ramiro Cartelle como custodio do seu legado e rematará cun concerto homenaxe a cargo da soprano Clara Jelihovschi Panas, acompañada ao piano por Gabriel López Rodríguez, quen interpretará un repertorio vinculado ás actuacións da cantante.
Así mesmo, exporase unha mostra de imaxes nas que Nache aparece caracterizada para os seus papeis operísticos. A asistencia é libre ata completar aforo.
A Biblioteca de Estudos Locais da Coruña custodia parte do legado da soprano grazas á Colección Ramiro Cartelle, adquirida polo Concello no ano 2000. O arquivo inclúe fotos, cartas e documentos das súas actuacións, que serán expostos durante a homenaxe. Nese sentido, o edil destacou que a conmemoración do nacemento de Nache ten como obxectivo "non só homenaxear á soprano, senón tamén divulgar a súa memoria e poñer en valor o papel da rede de Bibliotecas Municipais como depositaria do patrimonio cultural da Coruña" na liña doutras accións e iniciativas promovidas polo Goberno de Inés Rey.
Ademais dende o día 25 pola tarde estará dispoñible na web das bibliotecas municipais un vídeo, elaborado pola Biblioteca de Estudos Locais, sobre a vída de María Luisa Nache e sobre os fondos que sobre ela se conservan nela.
Unha traxectoria internacional cunha pegada local
María Luisa Nache debutou no Teatro Rosalía de Castro en 1945 como protagonista da ópera Aída. A partir dese momento, iniciou unha brillante carreira que a levou polos mellores teatros líricos do mundo, incluíndo actuacións na Scala de Milán xunto a María Callas.
En 1963, no momento álxido da súa traxectoria, decidiu retirarse dos escenarios e dedicarse á docencia no Conservatorio Profesional de Música e Declamación da Coruña. Posteriormente, destacou por estrear obras galegas, incluíndo pezas do mestre Groba. En 1976, foi nomeada académica da Real Academia Provincial de Belas Artes da Coruña, reafirmando a súa contribución á música e á cultura local.
22 de novembro de 2024
22 de novembro de 2024
21 de novembro de 2024
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible