8 de novembro de 2024
En paralelo á chegada do arboredo, o vindeiro luns arrincarán os traballos de formigonaxe no treito comprendido entre a rúa Nova e Pórtico de San Andrés
Avanzan as obras de reurbanización da rúa de San Andrés, onde este venres xa foron visibles varios dos novos exemplares de moreira de Valdeorras que está a plantar o Concello no treito comprendido entre a rúa Nova e a rúa Pórtico.
Nesta primeira quenda de traballos co arboredo plantáronse 15 moreiras, ás que seguirán máis nos vindeiros días, a medida que se vaian habilitando os espazos e alcorques necesarios para ubicalas ao longo da rúa. A alcaldesa, Inés Rey, lembrou hoxe que "a recuperación desta especie responde á intención de devolver á rúa de San Andrés á súa imaxe orixinal, a do bulevar que foi a finais do século XVIII".
Unha das características destacadas das moreiras de Valdeorras que se están a plantar en San Andrés é que son da variedade fruitless, o que redundará nunha maior limpeza do firme. As árbores e as barreiras vexetais actuarán tamén de elemento separador entre os espazos peonís e a plataforma central por donde pasarán os vehículos, cun carril por sentido para o tráfico rodado.
"O noso obxectivo é que as melloras en San Andrés permitan recuperar a súa identidade comercial. É importante apoiar ao pequeno comercio, estar a carón das e dos emprendedores con campañas de difusión e facendo visibles os seus negocios. A intervención en San Andrés, que no pasado tiña este espírito, vai nesa liña: a de recuperar espazos públicos para revitalizar o seu día a día e dinamizar economicamente tanto San Andrés como a súa contorna", subliñou Rey.
A partir do luns, traballos de formigonaxe entre Pórtico e rúa Nova
En paralelo á plantación das moreiras, o Concello prosigue cos traballos no pavimento e o firme da calzada. Neste sentido, e sempre e cando as condicións climatolóxicas sexan favorables, o vindeiro luns 11 de novembro comezarán os traballos de formigonaxe previstos no treito entre a rúa Nova e Pórtico de San Andrés.
A plataforma central por onde pasarán os vehículos será de formigón desactivado, máis resistente á erosión e o paso do tempo, o que permitirá solventar as antigas dificultades e problemas de bacheo que viñan derivadas, en ocasións, do recheo inferior que hai baixo os adoquíns.
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible