Concello da Coruña

Concello da Coruña

Concello da Coruña

Atención á infancia a domicilio

QUE É?

Esta modalidade inclúe un conxunto de tarefas centradas nos coidados básicos e atencións prestadas aos e ás menores no seu propio domicilio e/ou fóra del.

O fundamento principal desta modalidade son as necesidades e circunstancias de carácter familiar e laboral, de natureza extraordinaria, tanto dos e das menores (dende os 4 meses ata os 12 anos) como das persoas responsables que non poidan ser satisfeitas a través do servizo prestado nos espazos de atención á infancia e ludotecas, nin en ningún outro servizo posto a disposición por parte do concello ou doutras institucións públicas para atender necesidades de conciliación (espazos de atención á infancia e ludotecas de forma preferente, campamentos, comedores escolares, servizo de madrugadores en colexios públicos, actividades para menores programadas polo concello etc.). Á súa vez, configúrase como un servizo para necesidades puntuais, non de carácter estable ou estrutural prolongadas no tempo.

A quen vai dirixido?:

Unidades familiares con necesidades de conciliación por motivos laborais.

Organiza:

Concellaría de Igualdade, Benestar Social e Participación

Requisitos:

  • Estar empadroado ou empadroada no termo municipal da Coruña.
  • Estar a traballar ambos os membros da unidade familiar ou a persoa responsable do /da menor.

HORARIO

Todo o ano das 07.30 ás 22.00 horas, agás fins de semana e festivos.

HORAS DE USO

Cada unidade familiar dispón dun máximo de 40 horas anuais prorrateadas en 20 horas por semestre natural, non acumulativas; é dicir, aquelas horas que non sexan consumidas no primeiro semestre non se engadirán ao total de horas do segundo semestre.

Diariamente, pódese utilizar o servizo un mínimo dunha hora e un máximo de 6 horas ata a finalización das horas anuais que lle corresponda a cada unidade familiar.

TAREFAS PARA REALIZAR

Con carácter xeral, exclúense as tarefas domésticas (salvo aquelas que estean unidas ou ligadas estritamente ao benestar do/da menor) así como a tarefa de acompañamento do/da menor ao/á pediatra.

Só con carácter excepcional acompañarase o/a menor á consulta do/da pediatra cando se produza unha emerxencia que poida poñer en perigo a súa saúde durante a realización das tarefas incluídas no parte de servizo. Este acompañamento deberalle ser comunicado de forma inmediata ao seu pai, nai ou persoa responsable para o seu coñecemento e posterior recollida do/da menor.

  • No propio domicilio
    • Preparar biberóns e papas no momento do seu consumo, así como quentar almorzos ou comidas.
    • Axudar a comer en función da idade ou características do/da menor.
    • Tarefas relacionadas co aseo ou hixiene do/da menor.
    • Supervisión da alimentación e do aseo.
    • Dispensar coidados a menores enfermos/as en ausencia das persoas responsables, proporcionando medicación en caso de enfermidade, segundo prescricións médicas e sempre que as persoas responsables o autoricen e faciliten as instrucións e orientacións necesarias en relación co seu estado de saúde. En ningún caso a persoa que exerza de canguro asumirá coidados para os que se requira formación sanitaria de grao ou de formación profesional ou coñecementos específicos para o tratamento de determinadas enfermidades ou patoloxías.
    • Planificar e realizar actividades de lecer.
    • Apoio na realización das tarefas escolares.
  • Fóra do domicilio
    • Traslados ou acompañamentos do/da menor fóra do fogar sempre dentro do termo municipal. Está incluído, en situacións excepcionais, o acompañamento en transporte colectivo ao/á menor, sempre que se dispoña dunha tarxeta de transporte público.

ACTIVACIÓN DO SERVIZO

  • A persoa solicitante terá que chamar ao teléfono do Servizo Municipal de Canguraxe habilitado para ese efecto (673 132 372) ou, excepcionalmente, ao do CIM (981 184 356) para contactar co persoal técnico, mínimo dous días antes da iniciación do servizo (non computan para ese efecto as fins de semana nin festivos).
  • Por parte do persoal técnico realizarase unha entrevista que solicitará as necesidades da unidade familiar (días, horas e actuacións co/a menor) para poder realizar un parte de servizo no que quedará recollida a información facilitada e as autorizacións necesarias para o bo funcionamento do servizo.
  • O devandito parte será confirmado pola persoa responsable do/da menor e polo persoal técnico municipal co obxecto de realizar a asignación de profesional a ese servizo.
  • Unha vez finalizado o período inicial solicitado e/ou concedido, para volver usar esta modalidade deberá contactar telefonicamente co persoal do Servizo Municipal de Canguraxe para realizar un novo parte de servizo.

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión