5 de noviembre de 2021
O actor e guía turístico Suso Martínez volverá dar vida á personaxe de Fiz de Cotovelo nesta actividade da Concellaría de Medio Ambiente
O Concello da Coruña retoma as visitas nocturnas ao cemiterio de San Amaro. O actor e guía turístico Suso Martínez volverá interpretar a Fiz de Cotovelo, unha das célebres personaxes de Wenceslao Fernández Flórez en 'O Bosque Animado', para amosar aos visitantes a infinidade de segredos que garda este xenuíno espazo da cidade.
Esta mañá presentáronse estas novas sesións no propio cemiterio. Estivo presente a concelleira de Medio Ambiente, Esther Fontán, responsable da área que organiza estas rutas teatralizadas. "Isto é moito máis que un cemiterio. É historia viva da cidade e da cultura da Coruña. Por iso é rechamante e recomendable coñecelo nun ámbito teatralizado como este", sinalou a concelleira.
Suso Martínez, pola súa banda, realizou un pequeno adianto do contido destas xornadas en San Amaro, que estiveron paralizadas por mor da pandemia e retoman agora a normalidade. Estas rutas levan celebrándose desde o ano 2012, bicentenario do cemiterio, e permiten á cidadanía e aos visitantes coñecer máis en profundidade espazos destacados deste lugar tan especial. "Fiz de Cotovelo será unha vez máis o guía destas visitas. Un personaxe marabilloso de Fernández Flórez. Penso que vai levar á xente a vivir cada recuncho deste cemiterio", indicou Esther Fontán.
A ruta teatralizada por San Amaro foi desde os seus inicios a que máis éxito acadou das desenvoltas no Concello da Coruña e a máis demandada do conxunto do país ata o comezo da pandemia, indocou Martínez. Suso Martínez ponse na pel de Fiz de Cotovelo, unha ánima en pena, guía da Santa Compaña, que será o mestre de cerimonias que descubrirá todos os recunchos e as historias que agocha un dos cemiterios máis antigos de Europa. "Este é un cemiterio único. O cemiterio atlántico de referencia", indicou Suso Martínez. Esta ruta é unha homenaxe aos mortos e ás figuras máis destacadas da Coruña e Galicia de distintas épocas. "Estou moi feliz de recuperar esta visita. Somos pioneiros neste tipo de rutas teatralizadas e está claro que esta é especial. Temos un ambiente máxico en San Amaro", indicou Suso Martínez.
As visitas guiadas ao cemiterio de San Amaro comezan este mesmo sábado. Serán os sábados 6, 13, 20 e 27 de novembro e 4, 11 e 18 de decembro, en horario de 20.00 a 21.30 horas. A actividade estará limitada a 20 persoas por grupo, que deberán inscribirse, achegando datos persoais, na plataforma habilitada polo Concello da Coruña. A concelleira Esther Fontán indicou que esta actividade podería continuar nos seguintes meses en función do seu desenvolvemento actual.
Lo sentimos pero tu navegador es muy antiguo para poder mostrar esta página. Debes de actualizarlo o usar un navegador compatible. Hemos optimizado esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari y Microsoft Edge. Instalar ahora un navegador compatible