Praza céntrica da cidade da Coruña, dedicada á heroína María Pita, proxectada a mediados do século XIX e onde se atopa o Concello. Forma un gran rectángulo de máis de 10.000 metros cadrados, nun de cuxos frontes se atopa o Palacio Municipial, mentres que no resto alíñanse edificios porticados, baixo os cales se encontran diversos establecementos.
O Palacio Municipal é un edificio modernista construído entre os anos 1908 e 1912, que ocupa a fronte norte da praza de María Pita. Foi inaugurado polo rei Alfonso XIII en 1927. Nel atópanse diversas dependencias administrativas do concello.
O proxecto inicial deste edificio de cantería galega foi iniciado por Pedro Mariño, cunha superficie en planta de 2.300 metros cadrados. Ten 3 plantas e ático. A súa fachada levantouse ao longo dunha fronte de 64 metros, ten 43 xanelas abertas ao exterior e no seu corpo interior ábrense 15 arcadas que serven a uns amplos soportais.
Na súa primeira planta atópase a zona nobre, que conta con varios salóns, o Vermello, o Azul e o Dourado, este último, con relevos na fronte dos asentos, que relatan os feitos históricos máis importantes da cidade. Tamén na primeira planta se encontran o Museo dos Reloxos e a Galería dos Alcaldes, un corredor onde cada un dos alcaldes da cidade ten o seu retrato, cada un dun autor e un estilo diferentes, moitos pousaron de traxe, algúns de frac e outros, como Liaño Flores, coa toga de avogado.
Destaca o despacho da Alcaldía, e na mesma planta as salas de reunión de concelleiros/as, con magníficas pinturas de artistas galegos/as. Tamén cabe destacar a escalinata de honra que comunica a Alcaldía co Salón de Plenos, esta foi inaugurada en 1955 por Francisco Franco e a súa esposa, Carmen Polo.
A segunda planta alberga oficinas e despachos e no ático é onde antigamente estaba situada a vivenda do conserxe.
Na fachada hai talladas catro estatuas de pedra branca que representan as catro provincias galegas: A Coruña, Lugo, Ourense e Pontevedra. Na parte superior pódese ver o escudo da cidade franqueado por dúas matronas que para algunhas persoas significan Paz e Industria e para outras Traballo e Sabedoría, ademais dunha lenda coa seguinte inscrición: "Moi nobre e moi leal cidade da Coruña, cabeza, garda e chave, forza e antemural do reino de Galicia".
Na Torre máis alta albérganse o reloxo e as campás feitas dunha aliaxe de bronce e estaño; pesan máis de 1.600 quilos.
As medidas da praza de María Pita son 112 m por 99,50 m. Os 112 m son os dous lados paralelos á fachada do Palacio Municipal; os 99,50 m son os que corresponden aos lados laterais do edificio do concello.
Terrazas
As terrazas foron deseñadas polo Gabinete de Deseño Urbano dirixido polo arquitecto municipal Antonio Desmonts.
Os vidros que as decoran foron tallados pola firma holandesa Van Tetterode.
Estatua de María Pita
A estatua de María Pita é unha obra de Xosé Castiñeiras e está realizada en bronce.
A altura total é de 9,31 m: pedestal 5,56 m, escultura 3,3 m e plataforma graduada 0,45 m. O peso é de 30 toneladas.
Aos seus pés hai un recipiente no que arde unha chama que se apaga só desde as 03.00 ata as 07.00 h.
Picasso e a praza de María Pita
A praza de María Pita xa se chamaba así, pero só había doce casas construídas. A estatua da heroína, instalada en 1998, baséase nun deseño dun profesor da Escola Provincial de Belas Artes, González Jiménez, que era inimigo do seu pai.
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible