Co obxectivo de incrementar a participación da cidadanía nos procedementos de elaboración das normas, o artigo 133.1 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das Administracións públicas (BOE núm. 236, do 02/10/2015), establece que con carácter previo á elaboración dun proxecto ou anteproxecto de lei ou regulamento, deberá levarse a cabo unha consulta pública, a través do portal web da Administración competente na que se recollerá a opinión dos suxeitos e das organizacións máis representativas potencialmente afectados pola futura norma.
Para público en xeral
Dende o 17/07/2024 ata o 07/08/2024
Xa rematou
En cumprimento desta disposición, convoco unha consulta pública a través do portal web do Concello da Coruña con carácter previo á elaboración do proxecto da Ordenanza reguladora das actuacións de rehabilitación para mellora enerxética dos edificios da Coruña, acerca dos seguintes extremos:
ANTECEDENTES NORMATIVOS.
O regulamento de produtos para a construción (305/2011) establece que todos os produtos que se incorporen permanentemente nas obras de edificación e enxeñaría civil deberán de identificarse cun marcado CE. Estes produtos deberán cumprir, entre outros, os requisitos esenciais seguintes: Resistencia mecánica e estabilidade, seguridade en caso de incendio, hixiene, saúde e medio ambiente, seguridade e accesibilidade de utilización, protección contra ruído, aforro enerxético e illamento térmico, utilización sostible de recursos naturais.
Pola súa banda, o Código Técnico da Edificación (CTE) establece os requisitos técnicos que deben cumprir os edificios en relación coa eficiencia enerxética, a seguridade estrutural, a salubridade, o confort e a accesibilidade.
O CTE é o conxunto sistemático de normas que regulan as exixencias básicas dos edificios e das súas instalacións desde o punto de vista de: FUNCIONALIDADE (utilización e accesibilidade aos servicios de audiovisuais, de telecomunicacións e de información), SEGURIDADE (estrutural en caso de incendio e de utilización), HABITABILIDADE (aforro de enerxía e illamento térmico), hixiene, saúde e protección do medio ambiente, protección contra o ruído).
Os Servizos municipais teñen que comprobar o cumprimento destas esixencias.
Para avaliar os proxectos que e acheguen relativos aos sistemas de illamento que se poden dispór nos edificios, SITE, deberan conter os documentos básicos seguintes:
CTE-DB-HE. (Aforro enerxético): ten por obxectivo establecer regras e procedementos que permiten cumprir as exixencias básicas de aforro de enerxía.
CTE DB HS. (Salubridade): ten como obxectivo especificar os procedementos cuxo cumprimento asegure a redución dos riscos de molestias e enfermidades dos usuarios dun edificio ata os límites admisibles, así como reducir o risco de que os edificios se deterioren e/o deterioren o medio ambiente inmediato, como consecuencia das características de execución do proxecto, e do uso e mantemento do edificio.
CTE DB SI (Seguridade contra incendios): establece as condicións de reacción e de resistencia ao lume que deben cumprir os elementos construtivos, conforme aos novos sistemas de clasificación harmonizados no ámbito europeo (Euroclases), como consecuencia da aplicación do Regulamento de produtos de construción.
Consonte o R.D. 47/2007polo que se aprobou o 19 de xaneiro de 2007 a etiqueta de eficiencia enerxética, en vigor desde o 31 de outubro dese ano, son esixibles, tamén, os criterios de aforro enerxético que se identifican e clasifican mediante unha etiqueta de eficiencia enerxética.
NECESIDADE E OPORTUNIDADE DA SÚA APROBACIÓN.
Na rehabilitación dos edificios existentes que maioritariamente carecen de illamento, ou dun illamento eficaz, debe utilizarse a tecnoloxía que permita reducir o seu consumo enerxético, segundo a normativa comunitaria que progresivamente, resulta máis esixente para acadar o obxectivo de cero emisións e lograr a neutralidade climática no ano 2050.
As administracións públicas implicadas poñen a disposición da cidadanía os medios necesarios para fomentar a construción baixo os criterios de eficiencia enerxética, e tamén un sistema de axudas públicas destinadas ao fomento da rehabilitación dos edificios existentes.
Os diversos sistemas de illamento dos edificios que aparecen no mercado, SITE, adoitan ser o xeito máis eficaz para illar os edificios e acadar unha mellora importante da súa eficiencia enerxética, e son tamén accesibles para as comunidades de propietarios.
Por estas vantaxes, estanse a presentar un número singularmente importante de solicitudes de habilitacións administrativas para implantar os sistemas de illamento SITE, nos últimos anos.
As intervencións nos edificios con estes sistemas modifican a composición das fachadas e a imaxe dos conxuntos dos edificios, a percepción estética das rúas, e, xa que logo, o entorno urbano, o que determina a necesidade de regular o xeito de implantación destes sistemas e dos seus acabados, baixo os criterios que permitan acadar ao tempo os obxectivos medio ambientais e o respecto a estética urbana, as características dos edificios, a calidade arquitectónica, e as dos diferentes contornos da cidade coa súa propia diversidade e sistemas construtivos, evitando así que un uso sistemáticos dos mesmos sistemas, acabados, e tratamentos das cores uniformice todos os edificios produza un cidade de imaxe plana.
Para garantir a seguridade xurídica na tramitación das habilitacións administrativas legalmente previstas redactouse nesta proposta normativa a relación e contidos documentais necesarios en cada caso.
Por todo o ante dito, resulta necesario aprobar unha ordenanza sobre as actuacións de rehabilitación para a mellora enerxética dos edificios na Coruña onde se regule a intervención nos edificios tanto catalogados como non catalogados, como aqueles que conformen un conxunto unitario que resolvan a integración arquitectónica das fachadas a rehabilitar, mantendo os seus elementos característicos de interese arquitectónico ou cultural así como, no caso de conformar un conxunto, responder a unha solución común.
OBXECTIVOS DESTA ORDENANZA.
O obxectivo da ordenanza é regulación municipal dos criterios de intervención nos edificios cos sistemas de illamento, e os seus acabados, segundo as características das construcións e a súa ubicación na contorna urbana, e os procedementos destinados a obter as habilitacións administrativas de natureza urbanística.
Segundo isto, propónse acadar os seguintes:
POSIBLES SOLUCIÓNS ALTERNATIVAS REGULATORIAS E NON REGULATORIAS
De non determinarse os criterios de intervención nas envolventes dos edificios para mellorar a súa eficiencia enerxética ao tempo que se garante a conservación e integridade da estética urbana da cidade, para garantir a seguridade xurídica, deberían incorporarse á regulación máis xeral, coas modificación do planeamento xeral, o que implica unha tramitación longa e laboriosa, incompatible coa necesidade de regular o sinalado, o máis axiña posible, neste intre de proliferación das intervencións nas fachadas dos edificiosA regulación que se propón vencella ao conxunto da cidadanía e as outras administracións públicas, o que imposibilita que se poda establecer por medio da aprobación de criterios de servizo, ou directivos.
Pola contra, polo seu contido, o exercicio das facultades administrativas de que se trata e persoas as destinatarias da dita normativa, a regulación debe establecerse mediante unha disposición municipal con rango regulamentario (ordenanza).
A cidadanía e as organizacións representativas potencialmente afectadas por esta nova ordenanza poden achegar as súas opinións e suxestións sobre os aspectos incluídos nesta consulta pública, nun prazo de quince días hábiles (que se contarán a partir do día seguinte ao da súa publicación na web municipal), mediante o formulario accesible na Consulta pública sobre a ordenanza de rehabilitación para mellora enerxética de edificios
A Coruña, na data da sinatura electrónica
O concelleiro de Urbanismo, Rehabilitación e Vivenda
Francisco Dinis Díaz Gallego
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible