A máis potente revelación da poesía italiana a carón da xoia galega do Slam Poetry. Dúas performers cheas de forza e talento.
Para público en xeral
12/12/2016
Xa rematou
20.30 h
Centro Sociocultural Ágora. Lugar da Gramela 17. 15010 A Coruña
Entrada Libre
A xenovesa Laura Accerboni, nada en 1985, deuse a coñecer como poeta publicando poemas en distintas revistas literarias italianas, máis tarde tamén dende estadounidenses a holandesas. A súa opera prima foi Attorno a ciò che non è stato (2012) e o seu último poemario La parte dell'annegato (2015).
Na súa fulgurante carreira literaria, fíxose cos premios Piero Alinari (2011) da Fondazione Alinari en colaboración coa cátedra Giuseppe Ungaretti da Universidade de Columbia (Nova York) ao mellor poema inédito, o premio Giovani Talenti Cercasi do 2009, o CercaTalenti do 2006, o do certame literario internacional Cidade de Ancona (2004), o premio nacional Città di Catesllo Artea entre o 2002 e o 2003, o premio internacional de poesía Cidade de Monza do 2000, o premio literario internacional Maestrale San Marco do 1999 e o premio Lerici Pea do 1996.
Sendo unha das poetas seleccionadas polo proxecto Versopolis que promove a Unión Europea, ten participado en prestixiosos festivais de poesía nos Países Baixos (Rotterdam), Bélxica (Felix), varios de Croacia e Suíza, e Macedonia. Dende 2012 é membro do consello editorial da revista literaria Steve, colaborando igualmente coas súas recensións e traducións poéticas. Alén diso, os seus traballos fotográficos foron mostrados en exposicións individuais e colectivas.
Querendo
podería ser un xabaril
e dispararme entre os ollos
querendo.
E a ninguén
lle parecería nada.
Alguén se preocuparía
de extraer o chumbo
do corpo.
Que non acabe
entre os dentes,
que non manque
as meixelas por dentro
ao mediodía.
SILVIA PENAS
Silvia Penas realizou estudos de Filoloxía Galega na Universidade de Vigo, cidade onde mora a día de hoxe. Entre outras tarefas profesionais, exerce como profesora de lingua e literatura galega. Alén diso, forma parte do grupo poético musical Cintaadhesiva como vocalista e letrista a canda os músicos Jesús Andrés Tejada e Pablo Muñiz e mais a videocreadora Area Erina.
Os seus textos foron galardoados en diferentes certames de poesía, entre os que cómpre mencionar o Premio de poesía da Universidade de Vigo 2005, co poema en cinco partes Neste Bosque. Cun outro conxunto de poemas titulado A tiranía do des foi premiada en 2007 no Certame Galego de Creadores Novos GZcrea. En 2009 publica Biografía da multitude en coautoría con Elvira Riveiro e grazas ao Premio de Poesía Victorano Taibo.
En 2013 gaña o I Certame Lueiro Rey de Poesía con As uñas crecen, publicado no 2014. Séguelle en 2015 Diario de ladras, bailarinas, asasinas e flores, Premio Avelina Valladares.
Foi gañadora do Slam Arousa e do I Slam Vigo, e seleccionada para participar no Slam estatal en Madrid e no Slam Internacional de Barcelona durante o ano 2013.
Ademais, ten participado en numerosos recitais como membro do colectivo Redes Escarlata.
DÍA TERCEIRO
MULLER CON FLORES I
Hoxe hai aínda un ollo escuro
en forma de culler
na gorida onde reside o calafrío
o rumor
Un ollo atravesado polo xeo
sabe da inminencia do furacán
A pericia é aliada
déspota coma o nome dun imperio
En posición de ataque
a muller que baila coas flores
trata de morder o bordo tenso da noite
Sabe que cederá a danza
e que o voo lle será arrincado
porque xa non é cóndor na madrugada
O ollo espreita
e provoca unha distancia
que enferma o ceo
por veces
prémelle no corazón
e sangra
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible