19 de febreiro de 2025
O Goberno de Inés Rey solicitaralle á Fundación Biodiversidade o cofinanciamento das actuacións, por valor de 3,4 millóns
A alcaldesa, Inés Rey, informou hoxe de que o Concello se presentará á nova convocatoria de axudas da Fundación Biodiversidade co obxectivo de cofinanciar un amplo abano de iniciativas previstas na cidade en materia de renaturalización e creación de áreas verdes.
"Como anunciamos na presentación dos orzamentos municipais para este ano, contamos con fondos propios para acometer, por exemplo, o parque de Monte Martelo e as melloras previstas en Santa Margarida e o parque Europa, tamén a segunda fase do bosque de Breogán. Vimos insistindo moito na importancia de coidar e ampliar os pulmóns verdes da nosa cidade porque entendemos que o futuro da Coruña pasa por rexenerar a súa paisaxe urbana facéndoa sostible en termos medioambientais nun contexto -o do cambio climático a escala global- no que todas e todos temos que sumar o noso gran de area. A posición do Goberno municipal neste sentido é firme: apostamos por naturalizar a cidade, os nosos dez distritos, con máis verde en vez de máis gris. Por iso, solicitaremos fondos á Fundación Biodiversidade para cofinanciar diversas actuacións por valor de 3,4 millóns, coas que buscamos darlle resposta a demandas veciñais en barrios como a Sagrada Familia, Monte Alto e a Agra do Orzán, tres dos máis compactados da cidade en termos urbanísticos e, precisamente por isto, onde é máis necesario actuar, para osixenar e gañar espazos verdes nas súas rúas", indicou Rey.
A rexedora explicou que, concorrendo á convocatoria da Fundación Biodiversidade, o Concello busca dispor de máis fondos externos "para acometer proxectos que serán unha realidade, ben cofinanciados ou con fondos propios, nos vindeiros anos".
Entre as medidas xa sobre a mesa están as melloras de biodiversidade previstas entre o parque Carlos Casares e o ENIL da Torre de Hércules; a restauración da zona húmida do parque de Eirís e a creación dun novo no parque de Oza. A estas tres propostas tamén se sumarán outras medidas coas que o Goberno de Inés Rey pretende transformar espazos públicos dos barrios.
Por exemplo, na rúa San Xaime da Sagrada Familia, onde está previsto crear un corredor ecolóxico que conecte os parques de Vioño e Santa Margarida. Este corredor cortaría en perpendicular o treito da rúa do barrio que formará parte da Rolda Peonil.
Esta medida será moi semellante á que está previsto implementar en Monte Alto ao longo do Camiño do Vixía, que conectaría o parque Carlos Casares co campo de Marte. "O percorrido sobre o que estamos a traballar suporía a creación doutro corredor ecolóxico que partiría da rolda de Monte Alto, pasando pola rúa Suevia e a Verea do Polvorín chegando xa ao campo de Marte. A elección das rúas ten a súa razón de ser. Este trazado iría en paralelo aos accesos a centros educativos como o Víctor López Seoane e á escola infantil Luís Seoane, tamén á praza dos Avós e ao centro cívico do barrio; é dicir, espazos públicos ao aire libre, espazos de lecer ou equipamentos de usos múltiples ", razoou a alcaldesa.
Ademais, no barrio da Agra do Orzán está prevista a posta en marcha dun proxecto piloto no que o Concello afrontará a implantación de microespazos verdes a través dun proceso de colaboración aberto coa participación da veciñanza, no que se recollerán as súas achegas para deseñar a creación de novos espazos.
"Que esta iniciativa se execute na Agra ten que ver coa súa propia configuración urbanística, pola súa densidade poboacional e polas dificultades existentes para atopar espazos públicos libres de uso. O que buscamos é que as veciñas e veciños da Agra formen parte activa do proceso previo á toma de decisións e que tamén sintan como propias as áreas e microespazos verdes que alí se creen, aos que se sumará a apertura do parque do Observatorio, que forma parte dos nosos compromisos para este mandato e ao que daremos cumprimento", incidiu Rey.
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible