10 de octubre de 2024
O concelleiro de Cultura e Turismo, Gonzalo Castro, destacou a calidade musical e a ampla lista de colaboracións da entidade
O concelleiro de Cultura e Turismo, Gonzalo Castro, acompañado polo director da Banda Municipal de Música da Coruña, Juan Miguel Romero Llopis, presentaron a programación do ciclo de outono da formación, que inclúe seis actuacións singulares entre outubro e decembro.
"O cariño e respecto que senten os coruñeses e coruñesas pola súa Banda Municipal non vive do simbolismo nin do pasado, senón dun traballo constante, que sempre busca a excelencia e procura, ano a ano, mellorar no seu labor e abrir novos camiños, rexeitando por sistema caer en rutinas ou en rendas, por iso cada nova temporada da Banda Municipal é distinta á anterior, e seguramente mellor", sinalou Gonzalo Castro, que apuntou que a BMMC é "unha das institucións culturais máis queridas da cidade".
O director da BMMC sinalou que o principal obxectivo da programación artística da BMMC é ofrecer mediante a excelencia artística un mosaico de rexistros que abarcan desde o repertorio sinfónico universal, ata a máis presente vangarda con varias estreas na presente tempada. Todo iso cun eixo vertebrador como é o compromiso con Galicia e coa Coruña, co seu patrimonio tanto musical como de elenco de artistas e compositores, así como de figuras emerxentes do ámbito da composición ou a interpretación.
Agrupacións como a coral polifónica El Eco, Cántigas da Terra ou institucións musicais como os dous conservatorios, o profesional e o superior e unha colaboración co Conservatorio de Danza de Coruña son boa mostra da inclusión dos axentes musicais da Coruña neste proxecto musical. Igualmente a formación vén participado en todas as iniciativas que organiza ou nas que colabora o Concello desde a Concellaría de Cultura e Turismo: EMHU, Festival Resis, Semana do Cinema Galego ou Viñetas desde o Atlántico.
Con respecto ao ciclo de outono, a principal actividade sinfónica centrarase no Teatro Colón onde se realiza practicamente a totalidade da tempada sinfónica, pero tamén forma parte importante da programación o Centro Sociocultural Ágora, ou puntualmente o Palacio da Ópera. "A programación que hoxe presentamos volve a adentrarse na vangarda, sen perder o clasicismo máis popular, e mantén o ADN histórico da formación, a de ser un referente coruñesista e galeguista, o gran difusor da cultura e a música galega que temos na cidade, especialmente entre os máis novos, como ocorrerá de novo cos concertos escolares, que reúnen a centos de rapaces, así como coa súa función máis solidaria, dentro do Festigual", dixo Gonzalo Castro.
O ciclo de outono comezará este mesmo domingo, 13 de outubro, ás 12.15 horas no Teatro Colón, coa actuación da BMMC xunto a Abe Rábade ao piano e Laura Lorenzo á frauta alta como convidados. Ademais, Romero Llopis destacou dentro da programación a zarzuela galega 'A lenda de Montelongo', de 1924, coa música de Bernardo del Río sobre o libreto de Manuel Rey Posse e Juan Buhigas Olavarrieta.
Programación completa
13 de outubro
12.15 horas. Teatro Colón. Concerto presentación Tempada 24-25. Piano solista: Abe Rábade. Dirección: JM Romero
27 de outubro
12.15 horas. Teatro Colón. Cantos galegos. Solista: Adrián Silva Magdalena. Dirección: David Fiuza.
8 de novembro
20.00 horas. Teatro Colón. Concerto 175 aniversario Real Academia Galega. Con Cántigas da Terra. Dirección: JM Romero
17 de novembro
19.00 horas. Palacio da Ópera. A Lenda de Montelongo (Zarzuela gallega de 1924). Coa Coral Polifónica El Eco, Cántigas da Terra e Asociación Cultural Liceo de Vilagarcía. Soprano: Patricia Rodríguez. Barítono: Gabriel Alonso. Dirección: JM Romero.
1 de decembro
12.15 horas. Teatro Colón. A BMMC convida a Beatriz Fernández. Dirección: Beatriz Fernández Aucejo.
15 de decembro
12.15 horas. Teatro Colón. Centenario Giacomo Puccini. Dirección: JM Romero.
22 de decembro
12.15 horas. Teatro Colón. Concerto de Nadal. Dirección: JM Romero
Outros Concertos:
30 de outubro
20.00 horas. Centro Sociocultural Ágora. Cerebrartes. Festigual. Co Grupo de danza Experimenta Danza. Dir: JM Romero
14 de noviembre de 2024
25 de octubre de 2024
24 de octubre de 2024
Lo sentimos pero tu navegador es muy antiguo para poder mostrar esta página. Debes de actualizarlo o usar un navegador compatible. Hemos optimizado esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari y Microsoft Edge. Instalar ahora un navegador compatible