Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

13 de outubro de 2016

A Concellería de Igualdade coordina accións conxuntas con diversas entidades que traballan con persoas refuxiadas “de cara a optimizar os resultados e levar a cabo unha tarefa de sensibilización entre a cidadanía”

Rocío Fraga destacou as novas campañas de recollida selectiva que se levarán a cabo nos centros cívicos -- tendo lugar a primeira entre os días 24 e 30 deste mes-- así como a gala solidaria ‘Ti es Siria’ que se celebrará o vindeiro 12 de novembro no Fórum Metropolitano.

A concelleira de Igualdade e Diversidade, Rocío Fraga, deu conta este xoves das iniciativas de axuda a persoas refuxiadas coas que colabora o Concello e que se levarán a cabo de aquí a final de ano. A responsable municipal explicou que o seu departamento organizou recentemente unha xuntanza coas diversas entidades sen ánimo de lucro da cidade que traballan neste eido, tanto as que o fan en terreo, como é o caso de Aire, Families4Peace e Olvidados, como as que xestionan o acollemento de persoas migrantes, nomeadamente Cruz Vermella e ACCEM, e todas aquelas que habitualmente realizan propostas de actividades para recadar fondos para estes colectivos ( é o caso, entre moitas outras, de Padre Rubinos ou Coruña contra a Guerra). O obxectivo do Goberno local é intentar coordinar accións de carácter conxunto de cara a "optimizar resultados" e que estas consigan unha maior visibilidade. "A nosa intención é axudar á hora de coordinar e levar a cabo accións máis potentes coas que academos un maior resultado, tanto cando falamos de recadar fondos, como cando falamos de ter un maior impacto na sociedade", explicou a edil. "A Coruña é unha cidade acolledora. Queremos reactivar esa fonda vaga de solidariedade que se iniciou no momento no que anunciamos a nosa constitución como cidade refuxio e recibimos centos de ofrecementos de persoas particulares", comentou a concelleira, que lamentou, ao fío, "que o Goberno estatal non estea a dar os pasos prometidos, á hora de facilitar o acollemento de persoas e familias refuxiadas".

De cara a final de ano, a concelleira de Igualdade destacou tres grandes actuacións, que se levarán a cabo de forma coordinada coas entidades que traballan co colectivo de persoas refuxiadas. A primeira delas é unha campaña de recollida de material específico destinado a cubrir as necesidades que detectan as organizacións sen ánimo de lucro da cidade que traballan directamente nos campos de refuxiados e refuxiadas de Grecia. "Hai moita necesidade de material, pero non sempre se fai un chamamento específico, polo que ao final temos experiencias nas que se recolle unha gran cantidade de obxectos ou de alimentos que son válidos para os campos de refuxio. Así, dende o Concello imos colaborar na organización de campañas de recollida concretas que levaremos a cabo ao longo do ano, tendo lugar a primeira entre o 24 e o 30 de outubro nos centros cívicos de Labañou, Monelos, Os Mallos, San Diego, Monte Alto e Castrillón, ademais da Biblioteca Infantil e Xuvenil e o centro Ágora. Neste caso, esta campaña está centrada específicamente en material escolar e produtos en conservas que non conteñan porco, tendo en conta a maioría musulmana nos campos de refuxiadas. Impulsada pola ONG Families4Peace, contará ademais coa colaboración do alumnado de diversos centros da cidade (IES Agra do Orzán, Salvador de Madariaga, Rafael Dieste, Monelos, Puga Ramón, Eusebio da Guardia, Santa María do Mar, Compañía de María, Salesianos, Zalaeta e Monte das Moas).

A segunda gran acción deste final de ano será un festival denominado Ti es Siria que terá lugar o vindeiro 12 de novembro no Fórum Metropolitano, co que colabora o Concello  xunto á Fundación Aire e que ten como obxectivo recadar fondos. Ademais, estase a traballar nunha cea solidaria, co mesmo obxectivo, proposta pola entidade Olvidados. "Ademais desta, seguiremos en contacto, para organizar unha gran acción potente de cara ao vindeiro ano", comentou Fraga.

Accións de sensibilización no terreo inmobiliario

Por outro lado, a concelleira de Igualdade destacou a campaña de sensibilización que o seu departamento pretende levar a cabo con entidades inmobiliarias de cara a favorecer o acceso do colectivo de persoas refuxiadas ao alugueiro de vivendas. "Queremos organizar unha xuntanza entre o sector e entidades como Aire e, de xeito especial ACCEM, que xestiona os alugueiros para persoas refuxiadas en situación de acollemento", explicou a concelleira. "Aínda a pesar de que son as entidades de xestionar o acollemento destas persoas, as que realizan as xestión para atopar un alugueiro, e está asegurado tanto o pago como que o piso quede en perfectas condicións, atópanse con moitas dificultades, algo que imos intentar paliar con sensibilización", declarou Fraga.

Documentos:

Cartaz da campaña de recollida (3 MB)

Cartaz do festival solidario 'Ti es Siria' (3 MB)

Categorías da noticia

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión