Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

29 de maio de 2020

A corporación acorda o PRESCO para reactivar a economía e axudar ás personas máis vulnerables con máis de 13,2 millóns de euros

Inés Rey: “Pese as nosas diferenzas, hai unha cousa que está por riba das nosas ideoloxías políticas: o benestar das e dos coruñeses” O plan contempla unha dotación de 2,4 millóns de euros para o eixo social; 8,9 millóns para persoas autónomas e PEMES; e máis de 1,9 millóns para a mellora dos servizos públicos municipais

A Corporación municipal presentou esta mañá o Plan de Reactivación Económica e Social da Coruña (PRESCO) cun orzamento de máis de 13,2 millóns de euros destinados a contribuír o mantemento do tecido socioeconómico desta cidade e que, segundo a alcaldesa, Inés Rey, se artellará en tres eixos fundamentais: o investimento público co impulso da contratación pública; a posta en marcha do programa "Coruña solidaria", que incluirá medidas de protección social, sobre todo, para as persoas máis vulnerables e as que necesiten conciliar; e medidas económicas para os colectivos máis afectados polo cesamento da actividade. Rey recalcou que "pese as nosas diferenzas, hai unha cousa que está por riba das nosas ideoloxías políticas: o benestar das e dos coruñeses".

A alcaldesa agradeceu a todas as forzas e, especialmente, ás e aos seus voceiros municipais o traballo destas semanas e dirixiuse á veciñanza para lle recordar que "é o momento de se recuperar, de se erguer e axuntármonos, pero témolo que facer con sentidiño. Non foi esta a primeira pandemia que asolou o mundo, pero é a que nos tocou vivir e estamos dando un exemplo de como derrotar con firmeza a un inimigo común".

Pola súa parte, Lage Tuñas sinalou que A Coruña é a cidade galega que reservou máis fondos para a reconstrución social e económica e que máis do 85% das propostas foron coincidentes por parte de todos os partidos, "que a cidade sexa exemplo de boa política ten que ver coa xenerosidade dos grupos políticos, das e dos voceiros e da confianza que Inés Rey depositou en nós". A alcaldesa apuntou que o plan ten un apartado especial dirixido á protección e seguridade do persoal traballador e da cidadanía relacionada co concello. Así mesmo, contempla a modernización tecnolóxica e municipal e un programa de emprego COVID-19 para reforzar, con recursos humanos, as áreas de benestar e economía, coa finalidade de axilizar a execución dos recursos, mobilizados con esta modificación orzamentaria. O voceiro do Goberno local afirmou que "a política ten que estar á altura do que espera a cidadanía de nós. Representamos ás coruñesas e aos coruñeses para aportar solucións e non para crear máis problemas. Trátase de ser útiles."

Dos máis de 13,2 millóns de euros, 8.977.416,20 euros proceden de baixas de crédito en diferentes aplicacións que se estima que se poden minorar sen detrimento dos servizos aos que foron inicialmente adscritas, tal e como se xustifica no expediente; e 4.299.000,00 euros proveñen de remanente líquido da Tesourería para gastos xerais.

O Goberno local dotará ao programa "Coruña solidaria" con 2,4 millóns de euros para suplementar, por unha parte, o déficit estimado sobre o conxunto do ano en Xustiza Social e Acción Social, valorado en 600.000 euros, e afrontar así os gastos derivados de hostais e comedores escolares fóra do período lectivo. Neste apartado, un millón de euros máis irán dirixidos á xestión directa (700.000 euros) e indirecta (300.000 euros) de casos de emerxencia social; 250.000 euros empregaranse no progama de canguraxe e outros 250.000 euros máis destinaranse ao programa de acompañamento de persoas maiores a través de entidades sociais. Por último, mellorarase a partida ao programa de bolsa de vivenda en alugueiro con 150.000 euros máis.

Canto ás medidas económicas, establécense nove liñas para persoas autónomas, micropemes, comercio, hostalaría e industria cultural con 8.960.000 euros.

Na Liña 1, incentivarase o consumo no comercio e na hostalaría de proximidade con distintos bonos "InvestimosnaCoruña" por compras superiores a 20 e 30 euros. As axudas, que se canalizarán a través da Federación Unión de Comercios Coruñesa (FUCC) e da Asociación Provincial de Empresarios de Hostalaría da Coruña, están cuantificadas en 1,3 millóns de euros. Ademais, realizarase unha campaña de promoción e apoio "Desta saímos xuntos, o comercio local é vital", dotada con 300.000 euros, que permitirá achegar fondos, por vía de contratación de prestacións, ao sector servizos canto á creatividade e á innovación. Prevese tamén unha asistencia técnica para implementala de 120.000 euros.

Coa Liña 2, apoiarase ás persoas autónomas e micropemes, cubrindo as cotas no período que vai de xullo a decembro de 2020, cunha axuda dun máximo de 2.500 euros para as micropemes e dun máximo de 1.500 euros para as persoas autónomas. Ademais, ofreceranse axudas para sufragar os alugueiros de locais comerciais, de hostalaría e do sector servizos cun máximo de 1.500 euros por autónoma/o ou micropeme. Nesta liña 2, a achega orzamentaria desde o modificativo proxectado, ascende a contía de 4.400.000 euros.

A Liña 3 irá dirixida con 750.000 euros a cubrir gastos de adaptación e acondicionamento de establecementos de comercio, hostalaría e servizos profesionais, de xeito que as micropemes e as persoas autónomas poidan adaptaren os espazos físicos á nova realidade derivada da Covid-19.

Na Liña 4, subvencionarase con 100.0000 euros ás e aos autónomos e ás micropemes co pago do 75% do aboado en concepto de xuros co límite de 600 euros por persoa beneficiaria.

A Liña 5 está pensada para facilitar a transformación dixital de persoas autónomas e micropemes con axudas de 500.000 euros para a venda on-line e un plan de asesoramento e formación dixital, dotado con 100.000 euros. O orzamento total para esta liña, no modificativo, é de 600.000 euros.

A Liña 6 irá destinada á industria cultural coa programación de actividades de lecer e a vinculación da cultura co comercio e a hostalaría, para o que se investirán 300.000 euros. Tamén se convocarán bolsas de creación para artistas individuais empadroadas/os na Coruña, cunha contía de 180.000 euros, e un bono cultura, que se poderá trocar por entradas para espectáculos, libros, discos e demais produtos culturais. A dotación total para esta liña cultural é de 910.00 euros.

A Liña 7 centrarase nun programa de cualificación profesional, en que se prevé un gasto inicial de 100.000 euros para 50 itinerarios formativos nos sectores e especialidades con maiores oportunidades de emprego.

Na liña 8 confeccionarase unha Bolsa de Locais Comerciais en Aluguer con 80.000 euros.

Na Liña 9 convocaranse axudas para incentivar á contratación temporal por conta allea cun importe máximo de 2.000 euros por traballador/a e un total de 300.000 euros.

No referente ás medidas de mellora dos servizos públicos municipais, haberá un programa de protección da saúde e prevención de riscos laborais das e dos empregados municipais, dotado cun máximo de 318.416,20  euros; un programa de modernización tecnolóxica e transición dixital do concello, para o que se reservará un total 940.000 euros como máximo, e un terceiro de emprego COVID-19, por 550.000 euros, en que se reforzará o cadro de persoal das áreas de benestar e economía.

Por outro lado, crearase unha oficina específica para a execución do conxunto de medidas que abarca este Plan de Reactivación Económica e Social, en que se desenvolverán tamén tarefas de asesoramento e apoio a persoas autónomas e pemes, e constituirase un Consello Económico e Social, pensado como un espazo institucional de encontro entre os distintos axentes económicos e sociais.

Documentos:

M2-MEMORIA-ALCALDIA-ASINADA.pdf (455 KB)

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión