Concello da Coruña

Concello da Coruña
Iniciar sesión

Cando:

9 de abril de 2025

A Coruña e Arteixo reforzan o seu vínculo coa sinatura dun protocolo concibido para potenciar a coordinación e os servizos aos cidadáns de ambos os concellos

Inés Rey e Carlos Calvelo formalizaron hoxe o convenio de colaboración, que establece a posibilidade de concurrir conxuntamente ás vindeiras convocatorias de fondos europeos, con proxectos positivos para os dous municipios

Os concellos de A Coruña e Arteixo reforzan desde hoxe a súa relación, que se estreita coa sinatura dun novo protocolo de colaboración concibido para facer máis eficiente a xestión das políticas públicas compartidas por ambos os municipios.

O protocolo, que se tramitará tamén como convenio, foi asinado esta mañá pola alcaldesa da cidade herculina, Inés Rey, e polo rexedor arteixán, Carlos Calvelo, que coincidiron en destacar o forte vínculo entre A Coruña e Arteixo. "Hai unha conexión e case que unha simbiose real entre os cidadáns que viven e traballan nos dous concellos", expuxo Rey, que puxo como exemplo os datos de mobilidade, con máis de 65.000 desprazamentos diarios entre os municipios.

Neste sentido, a alcaldesa apuntou que, "habitualmente, ao falar de concellos pénsase en límites territoriais ou competencias, mais hai moitos servizos e cuestións fundamentais para a poboación que non entenden de fronteiras físicas ou administrativas". Por iso, o acordo asinado hoxe por A Coruña e Arteixo busca profundar na coordinación en cuestións compartidas entre ambas as partes, como a mobilidade, a xestión do ciclo da auga, o planeamento estratéxico e os dispositivos de seguridade e prevención de riscos.

Ademais, A Coruña e Arteixo tamén traballarán de forma conxunta á hora de concurrir a convocatorias de fondos europeos con proxectos ou iniciativas que podan ser beneficiosas ou ter un impacto positivo para os dous municipios. "Esta é unha liña de acción prioritaria e estratéxica", expresou Calvelo, que subliñou a importancia de tender pontes para facilitar os desenvolvementos futuros de ambos os municipios, facendo fincapé no feito de que, no contexto xeoglobal actual, que visibiliza momentos de división, "nós facemos o contrario, colaborando e establecendo unha relación de igualdade entre os dous concellos".

Experiencias previas de colaboración en materia de transporte 

O vínculo entre A Coruña e Arteixo, palpable precisamente no referente á mobilidade entre ambos os concellos, ten unha correlación co pulo do sector industrial e das empresas de servizos situadas en ambos os municipios.

Un exemplo claro é a refinaría, mais tamén o desenvolvemento progresivo do peirao exterior de Punta Langosteira e dos polígonos de Agrela, Pocomaco, Sabón ou Morás, "que independentemente do termo municipal onde estean situados son fontes de riqueza, prosperidade e de creación de postos de traballo para as veciñas e veciños tanto da Coruña como da área metropolitana".

A este respecto, a alcaldesa explicou que, "o que buscamos é estreitar os lazos entre A Coruña e Arteixo para ir da man en cuestións que nos tocan de preto ou nos afectan a ambos os concellos, mellorando a coordinación entre administracións", dando continuidade a experiencias previas de colaboración como as xa vixentes, por exemplo, en materia de transporte, coa liña 6 do servizo de autobuses urbanos da Coruña efectuando desprazamentos ata Meicende e a súa contorna, xa en parte do termo municipal arteixán.

Agora, no contexto desta nova folla de ruta plasmada no protocolo asinado hoxe en María Pita, crearanse grupos de traballo específicos para abordar todas e cada unha das áreas temáticas establecidas no convenio.

"Trátase de sentar as bases para estreitar lazos e para actuar de forma conxunta ante unha realidade única, pois non existen dúas realidades separadas", expresou Inés Rey.

Categorías da noticia

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible