18 de novembro de 2024
O encontro forma parte do programa de actividades nas que colaboran o Concello e o Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade
O Encontro Internacional 'As Elixidas' reunirá os días 10 e 11 de decembro na Coruña a alcaldesas e concelleiras de Cabo Verde, Mozambique, Brasil, Galicia e outros puntos do país co fin de poñer en valor o papel das donas no poder local e compartir os desafíos que enfrontan. O Pazo de María Pita e o Palexco acollerán este espazo de sororidade, diálogo e colaboración organizado polo Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade en colaboración co Concello da Coruña, froito do convenio asinado o pasado mes de setembro entre a alcaldesa, Inés Rey, e o presidente da asociación, Juan Antonio González Pérez.
O obxectivo das xornadas é promover a participación das mulleres na política, especialmente no ámbito municipal, e tecer alianzas para solventar os retos que supón este liderado pois en todos os países participantes hai un déficit de representación feminina na toma de decisións. En Galicia, dos 313 concellos tan só 71 contan cunha alcaldesa á fronte. Deste xeito, o programa de 'As Elixidas' achegarase ao rol das mulleres no impulso de políticas públicas a prol da equidade de xénero, as metas e desafíos que atopan na política municipal ou o potencial das asociacións de concelleiras e alcaldesas, como a Rede de Mulleres Electas Locais de África (REFELA), amais de incluír un obradoiro sobre ferramentas para afrontar as violencias políticas.
O evento coincide coa conmemoración do Día Internacional dos Dereitos Humanos, que este ano se celebra baixo o lema 'Os nosos dereitos, o noso futuro, xa!', lembrándonos que "todas as persoas deben poder exercer o seu dereito a participar de maneira significativa na vida pública". As persoas interesadas en asistir ás xornadas 'As Elixidas' teñen ata o 3 de decembro para inscribirse no formulario: https://forms.gle/PDUT5LmMe7QgTNB97.
A iniciativa súmase ao Encontro de alcaldesas posto en marcha pola alcaldesa, Inés Rey, o pasado mandato co obxectivo de posicionar A Coruña como espazo de reflexión e encontro de mulleres líderes no poder local e que conta xa con dúas edicións.
PROGRAMA COMPLETO DAS XORNADAS
MARTES, 10 DE DECEMBRO
Palexco - Loft Dársena (espazo exclusivo para mulleres)
16.00 horas - Panel 1: As mulleres na toma de decisións no ámbito local: metas e desafíos.
Moderadora: Felicidad González, educadora social do Concello de Cabanas.
17.15 horas - Obradoiro: Ferramentas para afrontar as violencias políticas. Impartido por Arabías.
MÉRCORES, 11 DE DECEMBRO
Palexco. Loft Dársena (espazo exclusivo para mulleres)
9.30 horas - Panel 2: Mulleres no poder local: promotoras de políticas de equidade de xénero.
Moderadora: Rocío Fanego, educadora familiar do Concello de Guitiriz.
11.15 horas - Panel 3: A sororidade como ferramenta: O rol das redes de mulleres electas no ámbito local.
Moderadora: María José Paz, pedagoga do Concello de Fene.
12.00 horas - Conferencia maxistral: Imaxina ser humana.
13.15 horas - Lectura e sinatura da Declaración da Coruña.
13.45 horas - Sesión de peche.
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible