Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

24 de xullo de 2024

A empresa pública EMVSA pasará a xestionar máis de 400 vivendas municipais destinadas a alugueiro social

O Concello porá en marcha un novo programa de asesoramento e orientación ás persoas arrendatarias para facilitarlles o acceso a vivenda na cidade

A alcaldesa, Inés Rey, presidiu este mércores a sesión ordinaria da Xunta de Goberno Local, na que se rubricou a concesión de licenza para a construción dun novo aparcadoiro público en Visma e tamén a que habilitará ao Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS) a construír un edificio de 50 vivendas públicas na parcela Z-37 do barrio de Xuxán.

Foron dous dos asuntos máis destacados na orde do día, na que tamén figuraba a posta en marcha do procedemento para que a Empresa Municipal de Vivenda, Servizos e Actividades (EMVSA) asuma a xestión do parque municipal de vivendas. A día de hoxe, son máis de 400 os inmobles do Concello destinados a arrendamentos sociais, bens patrimoniais aos que hai que sumar 26 locais, 76 prazas de garaxe e 63 rochos.

"Que apostemos por EMVSA para coordinar a xestión do parque municipal de vivendas ten a súa explicación: por exemplo, pola experiencia acumulada desde que o Concello lle encomendou o programa de xestión de vivendas en alugueiro para persoas en risco ou situación de vulnerabilidade. Entendemos, pois, que a EMVSA é unha ferramenta idónea para coordinar estratexicamente a xestión do parque inmobiliario do Concello, coa finalidade de adaptarnos ás necesidades de vivenda social que se detecten na cidade a medio e longo prazo", explicou esta mañá o voceiro do Goberno municipal, José Manuel Lage.

O traspaso da xestión do parque municipal de vivendas á EMVSA levarase a cabo de forma progresiva, nun prazo máximo de dous meses.

Un novo programa de asesoramento a persoas arrendatarias

Ademais, Lage tamén avanzou este mércores a aprobación do primeiro programa de asesoramento ás persoas arrendatarias na cidade da Coruña, "unha medida coa que o Goberno de Inés Rey busca garantir o dereito das persoas a contar cunha vivenda digna e adecuada, un dereito que, como todos debemos lembrar, é constitucional", lembrou o voceiro do Goberno municipal.

A través deste programa, o Concello poderá facer de contrapeso ante dúas realidades que se agudizaron nos últimos anos: a dificultade para acceder a unha vivenda en propiedade e o notable incremento no prezo dos alugueiros, "con cifras que moi a miúdo son inaccesibles para moitos cidadáns", indicou Lage. Lage recordou que as políticas de vivenda son esenciais para o Goberno municipal, e lembrou que se licitou recentemente a obra de 50 vivendas municipais de alugueiro social en Xuxán por máis de 10 millóns de euros, entre outras medidas. 

"Por iso, o Concello ten previsto poñer en marcha un programa de asesoramento ás persoas arrendatarias ou potenciais arrendatarias para facilitar o seu dereito de acceso a unha vivenda, un encargo que asumirá a EMVSA antes de mediados de setembro", explicou.

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión