26 de marzo de 2025
O Concello colabora coa asociación Galicia Rollers na organización desta nova cita, que sairá da explanada do Palacio dos Deportes de Riazor ás 21.30 horas
O Concello colabora coa asociación Galicia Rollers na volta ás rúas da Friday Mobility Night, unha iniciativa concibida para promover as novas formas de mobilidade sostible nos espazos urbanos, co uso dos patíns como unha das alternativas propostas ao longo dos carrís e vías ciclables existentes na Coruña.
A concelleira de Infraestruturas e Mobilidade, Noemí Díaz, convidou a cidadanía a participar na convocatoria deste venres 28, que arrincará ás 21.30 horas da explanada do Pazo dos Deportes de Riazor, que será o punto de partida e tamén a meta deste percorrido nocturno, o cal transcorrerá inicialmente por rúas do barrio de Labañou, chegará ao Millenium e, xa a continuación, pasará pola renovada rúa de Santo André e o paseo marítimo, ata chegar ao pé da Torre de Hércules.
O segundo treito do percorrido baixará pola rúa da Torre, a avenida do Metrosideiro e as Ánimas, e pasará pola praza de María Pita, a Mariña e Méndez Núñez, con volta polo interior do Ensanche en dirección ao Pazo dos Deportes de Riazor. O mapa completo da ruta pode consultarse aquí.
Noemí Díaz destacou a boa recepción desta iniciativa no contexto de actividades coas que o Concello, en sintonía con asociacións como Galicia Rollers, "aposta por potenciar a mobilidade sustentable a escala interxeracional" e lembrou que, coa alcaldesa Inés Rey á fronte do Goberno municipal, "A Coruña vén experimentando unha expansión notable dos percorridos e vías ciclistas, unha rede que xa conta con máis de 50 quilómetros de percorrido", ao que se suma o plan progresivo de ampliación do sistema municipal BiciCoruña, con 49 estacións operativas.
As persoas interesadas en inscribirse nesta nova sesión da Friday Mobility Night xa poden facelo a través desta ligazón.
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible