13 de diciembre de 2024
Hoxe licitouse o servizo de asistencia técnica para definir o plan de seguridade e saúde, unha medida fundamental de cara á execución das obras
O concelleiro de Economía e Planificación Estratéxica, José Manuel Lage, lembrou hoxe que “a adxudicación dos traballos está prevista para o inicio do ano que vén”. O investimento superará finalmente os 6 millóns de euros
Conta atrás para a posta en marcha das obras de reurbanización dos Cantóns, unha intervención á que o Concello prevé destinar un investimento de máis de seis millóns de euros co obxectivo de remodelar e ampliar os espazos peonís entre Juana de Vega e a sede da Autoridade Portuaria, marcando así o punto de partida ao proceso de apertura do porto á cidade.
Despois de que a Xunta de Goberno Local aprobase a finais de setembro a saída a concurso dos traballos, a Mesa de Contratación reuniuse este venres para valorar as 17 ofertas presentadas, que deixan á UTE Abeconsa - Canarga como a compañía coa maior puntuación de cara á adxudicación final dos traballos.
Entre os aspectos destacados da súa oferta está o feito de que a UTE rebaixa nun 7,50% o importe inicial asociado ao investimento da obra e, ademais, prevé diminuír en catro meses o prazo de execución dos traballos, reducindo este a 20 meses.
Sae a licitación o plan de seguridade e saúde de cara á execución das obras
Por outra banda, o Goberno de Inés Rey deu hoxe un paso máis para iniciar a actuación prevista nos Cantóns, licitando o servizo de asistencia técnica necesario para definir o plan de seguridade e saúde a coordinar no contexto das obras, un trámite administrativo habitual en intervencións deste tipo.
"Os plans de seguridade e saúde son unha ferramenta fundamental en materia de prevención de riscos laborais, con todo o que iso implica para as e os traballadores. Ademais, os pregos do contrato esixen tamén a creación dun plan de medidas de emerxencia e evacuación, algo lóxico nestes casos", explicou o concelleiro de Economía e Planificación Estratéxica, José Manuel Lage.
A este respecto, está previsto que a empresa adxudicataria que elabore o plan de seguridade e saúde elabore un informe mensual sobre o desenvolvemento dos traballos.
A adxudicación das obras, prevista para o primeiro trimestre de 2025
Lage lembrou hoxe que, tal e como se informou a finais de setembro, a adxudicación formal das obras de reurbanización dos Cantóns terá lugar, previsiblemente,a principios do ano que vén unha vez se culminen todos os trámites e trala decisión da mesa de contratación celebrada hoxe.
A medidas como a ampliación dos espazos peonís sumaranse outras como a nova bancada que se habilitará sobre o aparcadoiro dos Cantóns, un enclave concibido como un futuro punto de encontro e reunións para a cidadanía.
Ademais, aproveitando a intervención, o Concello mellorará e ampliará o carril bici que bordea os xardíns de Méndez Núñez para que pase a ser bidireccional, conectándoo co novo percorrido xa habilitado entre a rúa Nova e o paseo marítimo do Orzán, sendo este último o primeiro treito que atravesa o istmo da Pescaría.
Por outra banda, tamén se acometerá a peonalización de Entrexardíns, unha iniciativa enmarcada no plan de recuperación dos vínculos co porto. Así, os xardíns de Méndez Núñez volverán estar unidos, cunha continuidade peonil entre os seus espazos naturais e a explanada contigua ao Palco da Música.
21 de diciembre de 2024
12 de diciembre de 2024
Lo sentimos pero tu navegador es muy antiguo para poder mostrar esta página. Debes de actualizarlo o usar un navegador compatible. Hemos optimizado esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari y Microsoft Edge. Instalar ahora un navegador compatible