Concello da Coruña

Concello da Coruña
Iniciar sesión

Cando:

18 de marzo de 2025

A nova app para identificar e xeolocalizar as prazas PMR na Coruña entra na súa fase de probas, aberta xa á participación de persoas usuarias

O Concello, a Asociación de Personas con Movilidad Reducida e Google.org colaboran no desenvolvemento do proxecto Spot4Dis, que permitirá dixitalizar e mapear os estacionamentos para persoas con mobilidade reducida

Xa está aberta a inscrición na fase de probas da nova app móbil do proxecto Spot4Dis, unha iniciativa na que o Concello, a Asociación de Personas con Movilidad Reducida e Google.org traballan de forma conxunta co obxectivo de facilitar a identificación e o acceso ás prazas de estacionamento PMR mediante a tecnoloxía de satélites, Street View e IA.

Neste sentido, A Coruña é unha das cinco cidades europeas nas que se está a desenvolver o proxecto -as outras catro son Valencia, Zaragoza, Badaxoz e Xénova-, despois de que no pasado mes de decembro se asinase o convenio de colaboración entre as tres partes implicadas.

Tal e como se expuxo entón, a posta en marcha do proxecto Spot4Dis na cidade herculina sustentarase na base de datos das prazas PMR das que dispón o Concello, tamén das que están previstas no futuro en todos os barrios da Coruña. É aproveitando esta base de datos como AsoPMR e Google.org poden, a posteriori, dixitalizar e xeolocalizar as súas localizacións e tamén informar do seu estado de ocupación.

A concelleira de Benestar Social, Participación e Igualdade, Nereida Canosa, puxo en valor esta iniciativa "que reforza o abano de medidas nas que está a traballar o Goberno de Inés Rey para mellorar a accesibilidade universal na cidade". A app, que se está a desenvolver tanto para dispositivos Android como iOs, está actualmente en fase de testaxe.

Por iso, Canosa convidou a cidadanía e, en particular, as potenciais persoas usuarias da futura app, a tomar parte nesta fase preliminar á posta en marcha da aplicación, "un paso fundamental para adaptar e moldear a app atendendo ás suxestións e necesidades da cidadanía".

As persoas interesadas en participar na fase beta da app do proxecto Spot4Dis poden inscribirse no formulario web habilitado nesta ligazón.

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible