Concello da Coruña

Concello da Coruña
Iniciar sesión

Cando:

10 de abril de 2025

A obra de Agustín de Betancourt, fundador da enxeñaría civil moderna, poderase ver no Palacio de María Pita ata o 4 de maio

O concelleiro de Urbanismo, Rehabilitación e Vivenda, Francisco Díaz Gallego, destacou a relevancia do enxeñeiro nos desenvolvemento urbano do país

A sala de exposicións do Palacio Municipal de María Pita acolle desde este xoves a mostra 'Agustín de Betancourt 1758-1824 . Fundador da Escola de Camiños e Canais. Enxeñeiro Cosmopolita', que conmemora o bicentenario do seu falecemento. O acto de apertura estivo presidido polo concelleiro de Urbanismo, Rehabilitación e Vivenda, Francisco Díaz Galego. A exposición está organizada pola Demarcación de Galicia do Colexio de Enxeñeiros de Camiños, Canais e Portos e o Concello da Coruña. Estará aberta, en horario de 12.00 a 14.00 e de 18.00 a 21.00 horas, ata o vindeiro 4 de maio.

"Desde o Goberno de Inés Rey intentamos que os nosos espazos culturais e expositivos teñan un carácter didáctico para a cidadanía, amosando o traballo de persoas, moitas veces invisibles para o gran público, que nos permitiron avanzar como sociedade", sinalou Díaz Gallego. O concelleiro destacou o "papel fundamental de Agustín de Betancourt na configuración das cidades modernas e as súas comunicacións", nun acto ao que tamén asistiu o delegado do Goberno, Pedro Blanco.

A mostra quere trasladar á cidadanía a importancia da figura deste enxeñeiro, a través dunha exposición realizada polo CEDEX (Centro de Estudos e Experimentación de Obras Públicas) e o Colexio e exposta inicialmente na Biblioteca Nacional. Trátase de dunha exposición comisariada por D. Ignacio González Tascón que consta de 155 pezas, de 24 institucións nacionais e internacionais, incluíndo maquetas, publicacións, etc.

Sobre Agustín de Betancourt

Agustín de Betancourt y Molina é considerado o fundador da enxeñaría civil moderna. Foi inventor, científico, alto funcionario en varios países e un innovador ilustrado e que terminou sendo tenente xeral de Rusia. Naceu en Puerto de la Cruz (Tenerife) en 1758, e faleceu en 1824, en San Petersburgo (Rusia).

En 2024 conmemorouse o bicentenario da morte deste enxeñeiro universal, que desenvolveu o seu intenso traballo en España, Francia, Inglaterra e Rusia. Gran enxeñeiro, realizou informes sobre as minas de mercurio de Almadén, elevou por primeira vez un globo aerostático en España, trouxo a máquina de vapor de Inglaterra, foi coinventor dun telégrafo óptico, realizou grandes obras de infraestruturas e inventou a esclusa de émbolo buzo e novos sistemas de dragado marítimo e fluvial.

Agustín de Betancourt creou en 1792 o Real Gabinete de Máquinas no Retiro e impulsou o ensino regrado da enxeñaría civil en España coa creación da Escola de Camiños e Canais, en 1802. Foi inspector xeral de Camiños e Canais, cargo desde o que promoveu a modernización das vías de transporte españolas e a creación dun corpo de funcionarios cunha formación específica para desenvolver o seu deseño, proxecto, construción e conservación. Este corpo pronto transformouse no dos enxeñeiros de Camiños, Canais e Portos actuais.

Contratado polo zar Alexandre I, e xa vivindo en San Petersburgo, desenvolveu numerosas infraestruturas e deseñou edificios, como a sala de exercicios ecuestres -ou Manezh- de Moscova, ademais de encargarse da feira e urbanización da cidade de Nizhni Nóvgorod, da Casa da Moeda, do dragado do porto de Kronstadt e da creación do Corpo e a Escola de Enxeñeiros de Vías de Comunicación.

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible