Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

12 de xuño de 2024

A Xunta de Goberno Local aproba a tramitación do convenio relativa ao parque da Agra do Orzán pola que o barrio pasará a contar con 5.000 metros cadrados para uso público

Tamén se aprobou a concesión de licenza para a construción dun edificio de 40 vivendas de promoción pública (VPP) en Xuxán

Na Xunta de Goberno Local deste mércores 12 de xuño, o Goberno de Inés Rey levou a cabo a aprobación da autorización para a tramitación do convenio relativa ao parque da Agra do Orzán, polo que o barrio pasará a contar cunha superficie de uso público de preto de 5.000 metros cadrados. "Trátase dun convenio que asinaremos nas vindeiras semanas e que supón unha grande oportunidade para facer unha actuación de renovación urbana nun barrio que a precisa" explicou a rexedora.

A superficie total divídese en 1.319 m2 de espazo libre privado de uso público, correspondente á zona localizada entre as dúas edificiacións que se crearán fronte á avenida Gregorio Hernández coa rúa Gil Vicente; xunto con 3.514 m2 de solo cedido ao Concello para espazo libre do Parque, na parte posterior á edificación. O novo parque da Agra do Orzán linda coas rúas Gil Vicente, José Amador López, Canceliña e Observatorio.

Con este convenio garántese a apertura visual e o acceso peonil dende a avenida de Gregorio Hernández cara ao futuro Parque da Agra, coa adscrición para uso público da parte da parcela privada comprendida entre os dous edificios. Rey sinalou que co convenio increméntase a superficie de uso público de espazo libre no barrio. Ademais, de acordo coa cesión da parcela colindante, o convenio recolle a posibilidade de construción dun futuro aparcamento soterrado no subsolo, de titularidade e uso público.

Logo dos procedementos xudiciais, o Tribunal Superior de Xustiza categorizou parte da parcela privada como solo urbano consolidado, mentres que outra parte foi catalogada como zona de espazo libre. "Coido que chegamos a un bo acordo que conforma a primeira fase do futuro parque da Agra e que permitirá dotar dunha zona verde o barrio que máis o precisa tras moitas décadas de agarda", asegurou a alcaldesa.

Explicou que o Concello traballa en paralelo coa AEMET para levar a cabo a apertura do parque do Observatorio, actuación recollida nos Orzamentos Municipais no marco do "Plan de humanización e investimento dos barrios da cidade", cunha primeira fase para o derrubamento dos muros da Canceliña e da rúa Páramo.

Licenza para a construción de 40 vivendas públicas en Xuxán

Dando continuidade aos asuntos relativos á Área de Urbanismo, a Xunta de Goberno Local fixo balance das licenzas resoltas no período entre os días 24 de maio a 6 de xuño. Con 210 expedientes notificados, dos que 34 foron licenzas urbanísticas e 127 foron obras en réxime de comunicado. Neste sentido, destaca como expediente particular a licenza concedida ao Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS) para construír un edificio de 40 vivendas de promoción pública (VPP) en Xuxán, na parcela Z-13 do barrio.

O novo edificio estará dividido en cinco andares, nos que se repartirán as 40 vivendas e outros tantos rochos, 5 locais e un garaxe 88 prazas de aparcamento, divididas en dous sotos. O investimento total do proxecto é de 5,8 millóns de euros.

Reforma de Telefónica e novo supermercado no polígono de Agrela

Tamén se aprobou a concesión da licenza que habilitará a Telefónica a reformar a CT (central telefónica) Montiño, sita na rúa Cerca núm. 18, para adaptar a infraestrutura á normativa da compañía. O investimento previsto para a actuación é de case 2,5 millóns de euros.

Ademais, tamén se aprobou unha licenza para reformar as naves do número 19 da rúa Gambrinus, no polígono de Agrela, concedida á empresa Mercartabria SLU. O obxectivo é implantar un novo supermercado que contará, ademais de con áreas para oficinas, carga e descarga e reparto, cun aparcadoiro con 79 prazas das que tres serán de tipo PMR. O investimento previsto é de 1,7 millóns de euros.

Adquisición do inmoble modernista Casa Carré, en Eirís

A alcaldesa deu conta da adquisición da coñecida como Casa Carré, inmbole modernista cun importante valor patrimonial e histórico. O Concello aprobou a expropiación da parcela sita na avenida de Monelos núm. 46 por un importe total de 459.619,14 euros, froito do acordo cos dous propietarios actuais, pertencentes á familia Carré. "A adquisición da Casa Carré e dos seus xardíns era un compromiso deste Goberno local cos veciños e veciñas de Eirís que hoxe cumprimos" sinalou Rey. 

A casa foi fogar do escritor coruñés Uxío Carré, fillo do tamén escritor Eugenio Carré Aldao, dono da popular imprenta La Regional e fundador da tertulia A Cova Céltica, onde participaban numerosos galeguistas ilustres como Pondal ou Curros Enríquez. Ademais, a casa é obra do arquitecto Rafael González Villar, un dos máximos expoñentes do modernismo e o art nouveau da Coruña.

A alcaldesa explicou que o vixente Plan xeral clasificaba a parcela como solo urbano e dotación local, destinada a viario, espazo libre e equipamento de carácter público. O barrio contará, deste xeito, cun novo parque e cun edificio histórico que terá uso dotacional, co que se reforzarán as infraestruturas públicas do barrio.

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión