3 de setembro de 2024
O derrubamento da estrutura, abandonada desde hai máis de 15 anos e inhabilitada para a súa rehabilitación polo desleixo da propiedade, é unha das principais demandas da veciñanza do barrio
O Concello da Coruña adxudicoulle á empresa Hercal Diggers S.L. as obras de demolición do esqueleto urbanístico existente no barrio do Martinete, traballos que se completarán, previsiblemente, no primeiro trimestre de 2025.
A estrutura, situada entre as rúas Mozart e Luís Peña Novo, comezou a construírse nos anos da crise financeira do 2008, mais a propiedade nunca chegou a completar as obras necesarias para darlle acceso ás vivendas, polo que o edificio ficou sen rematar e, polo paso do tempo e a conseguinte deterioración da estrutura, as obras declaráronse ilegalizables.
O esqueleto ocupa un soar dunha superficie de máis de 1.100 metros cadrados, e co paso dos anos foi converténdose nun foco de insalubridade e maleza, entrañando tamén un risco para a seguridade das persoas pola súa progresiva deterioración. "A propiedade non asumiu as súas obrigas: nin rematou a construción para facilitar o acceso ás vivendas, e, a posteriori, tampouco se responsabilizou á hora de rehabilitar e manter a estrutura", apuntou hoxe o concelleiro de Urbanismo, Rehabilitación e Vivenda, Francisco Díaz Gallego.
Por este motivo, dado que a propiedade non atendeu aos requirimentos do Concello, e tras avaliar o estado do edificio, o Goberno municipal optou por recorrer á vía da execución subsidiaria de cara á súa demolición total. A licitación das obras aprobouse en Xunta de Goberno Local a mediados do pasado mes de maio, cun investimento de máis de 773.000 euros. Agora, o Concello avanza nos trámites para acometer a intervención, que, tras a súa adxudicación, terá que completarse nun prazo máximo de catro meses.
Desta forma, o Goberno de Inés Rey dá continuidade ao plan de melloras previsto no Martinete e a súa contorna, onde tamén se está a levar a cabo a primeira fase de reurbanización da rúa Manuel Ferrol, arredor do residencial do Birloque. Esta actuación supón un investimento de máis de medio millón de euros.
27 de novembro de 2024
19 de novembro de 2024
13 de novembro de 2024
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible