Concello da Coruña

Concello da Coruña
Iniciar sesión

Cando:

13 de marzo de 2025

Aprobados por unanimidade os nomeamentos de Rosa Otero como Filla Adoptiva e de Ramón Núñez como Fillo Predilecto da cidade

A alcaldesa, Inés Rey, puxo en valor o legado de Otero e Núñez, dúas figuras clave no desenvolvemento e contribución aos tecidos sociais e culturais da cidade ao longo das últimas décadas

Rosa Otero e Ramón Núñez Centella, dúas figuras clave no desenvolvemento do tecido social e científico-cultural da Coruña, serán recoñecidos como Filla Adoptiva e Fillo Predilecto da cidade, despois de que o Pleno ordinario do Concello aprobase hoxe, por unanimidade, as dúas propostas de nomeamento.

Esta iniciativa foi o asunto máis destacado na orde do día da sesión plenaria, na que todos os grupos con representación na Corporación municipal rubricaron o xa foi aprobado este luns na Comisión de Honras e Distincións.

Poucos días despois do 8-M, e coa programación de actividades polo Día da Muller en marcha, a alcaldesa, Inés Rey, destacou o legado de Rosa Otero, presidenta da Asociación de Amas de Casa, Consumidores e Usuarios, "a prol da igualdade". "Sen figuras como Rosa, avances como os que estamos a vivir neste sentido non serían unha realidade. Por iso, queremos homenaxear a Rosa e poñer o valor o seu traballo e compromiso neste eido desde hai décadas", expuxo Rey.

Otero, nacida en Santiago de Compostela no ano 1940, é unha figura histórica do asociacionismo coruñés. A súa implicación social tamén se fixo palpable na loita contra a drogadicción, traballando a pé de rúa e na concienciación a escala interxeracional fronte as adiccións desde a Asociación Antidroga Antonio Noche.

'Moncho' Núñez, o divulgador que sentou as bases dos Museos Científicos Coruñeses

No Pleno de hoxe tamén se aprobou o nomeamento de Ramón Núñez Centella, impulsor dos Museos Científicos Coruñeses, como Fillo Predilecto da cidade.

'Moncho' Núñez, nado na Coruña no ano 1946, foi a persoa que concibiu a rede de museos municipais que hoxe integran a Casa das Ciencias, a Domus e o Aquarium Finisterrae, tres espazos de divulgación científica "emblemas do patrimonio cultural da Coruña, recoñecidos internacionalmente e que tamén forman parte da infancia e mocidade de moitas xeracións de coruñesas e coruñeses, que atoparon nestes museos un lugar para espertar a súa curiosidade pola ciencia interactiva e o mundo que nos rodea", apuntou a alcaldesa.

A proposta de nomeamento de Ramón Núñez como Fillo Predilecto da cidade chega nun contexto moi especial, xa que o vindeiro 1 de xuño se celebra o 40.º aniversario da Casa das Ciencias, inaugurada no parque de Santa Margarida no ano 1985.

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible