Ayuntamiento de A Coruña

Ayuntamiento de A Coruña

Cuándo:

10 de septiembre de 2024

‘Cóxegas’ pechou a súa inscrición a pasada semana, con 395 nenos e nenas de primaria e educación infantil. Para o resto de actividades a pode realizarse na web https://www.fedapascoruna.org

Arredor de 5.200 nenos e nenas da Coruña gozarán este curso de actividades extraescolares municipais

O Concello colabora coa Federación Provincial de ANPAS da Coruña no desenvolvemento da programación de lecer educativo 2024-2025

O Concello da Coruña inicia un novo curso escolar 2024-2025 cunha ampla oferta de actividades complementarias para nenos e nenas matriculadas nos centros públicos. A alcaldesa, Inés Rey, presentou esta mañá no CEIP San Francisco Xabier o programa de actividades, impulsado da man da Federación Provincial de ANPAS da Coruña, no que se prevé a participación de máis de 5.200 nenos e nenas este curso 2024-2025.

A oferta componse dun programa de conciliación, 'Cóxegas', que se desenvolverá durante este mes de setembro en 17 CEIP's; xunto con tres temáticos (Deporte no Centro, Arte e Cultura no Centro e Idiomas no Centro) con actividade durante todo o período lectivo. Rey explicou que a programación garante dúas cuestións prioritarias. Dunha banda, que os nenos e nenas dispoñan de actividades de ocio e socialización durante todo o ano, fomentando as relación sociais así como a actividade física e intelectual. E por outro lado, que os pais e nais dispoñan de alternativas para facilitar a conciliación familiar e laboral cos máis pequenos e pequenas.

A programación conta con financiamento municipal a través do convenio asinado pola alcaldesa e a presidenta da Federación polo que o Concello achega un total de 425.000 euros: "Ademais, este ano 2024 reforzamos a achega con 21.000 euros máis que no 2023 para dar resposta á alta demanda de actividades nos diferentes centros" sinalou a alcaldesa.

O programa 'Cóxegas', pechou a súa inscrición a pasada semana, con 395 nenos e nenas de primaria e educación infantil. Para o resto de actividades, que se desenvolverán entre o 2 de outubro de 2024 e o 20 de xuño de 2025, o prazo continúa aberto ata este domingo 15 de setembro na web https://www.fedapascoruna.org. Todo o detalles das actividades pode consultarse na mesma web ou en www.edu.coruna.gal.

Mellora da área de xogos do CEIP San Francisco Javier

A alcaldesa, Inés Rey, tamén fixo balance das melloras realizadas no CEIP San Francisco Javier onde se remodelou e ampliou o espazo de xogos de acordo coas demandas da comunidade educativa do centro. En concreto, as actuacións consistiron en unificar as seis parcelas de xogo existentes ampliando a extensión, cun novo pavimento por cores e a instalación dun novo xogo con capacidade para 14 nenos e nenas. Ademais, acondicionáronse outros xogos como tobogán, columpio, etc. A intervención contou cun orzamento de 40.000 euros.

Rey explicou que durante o período escolar aténdense unha media de 1.800 incidencias por ano, chegando a case as 2.000 coas programadas para a época estival. "Nestes meses de verán resolvéronse preto de 150 co obxectivo de preparar as aulas para o curso e ademais acometemos dúas grandes actuacións, mellorando as áreas de xogo do CEIP Salgado Torres, en Elviña; e a xa mencionada neste centro" sinalou.

Os programas educativos, ao detalle

O programa 'Deporte no Centro' promove o deporte máis alá da actividade física, tamén como exemplo de valores e habilidades sociais. Está dirixido a alumnado de Infantil, Primaria, ESO, Bacharelato e FP con diferentes temáticas por curso.

Para Educación Infantil, impártense actividades de xogos en movemento, xogos de taboleiro, prepatinaxe e xogos tradicionais. Para os primeiros cursos de primaria (1º-3º curso) as actividades ofertadas son ritmo, pre deporte, pre xadrez, pre patinaxe 2 e xogos tradicionais 2. A partir de cuarto de primaria, as actividades ofertadas son baile moderno, ximnasia rítmica, xadrez, patinaxe artístico, hóckey patíns e deportes alternativos xunto con nove disciplinas deportivas como atletismo, baloncesto, fútbol sala, balonmán, voleibol ou bádminton.

Impártense en dúas sesións semanais dunha hora, entre ás 16.00 e ás 18.00 horas en días alternos. Ademais, para o alumnado de primaria e cursos superiores hai a opción de participar nos 'Encontros deportivos' os venres, con competicións entre equipos do centro ou entre os centros. O prezo é de 25 euros para cada escola deportiva (incluíndo os 4 euros do seguro de accidentes), cun suplemento de 10,50 euros para o alumnado que participe nos encontros deportivos.

No caso de 'Arte e Cultura no Centro' o obxectivo é promover o desenvolvemento dos nenos e nenas a través de actividades artísticas mediante dous programas: os 'obradoiros' e 'Ludiverso', dirixidos ao alumnado de Infantil e Primaria.

As actividades de Ludiverso teñen lugar de luns a venres, dende as 16.00 horas e ata as 17.00 ou 18.00 horas, segundo escolla. O prezo é de 67 euros por trimestre por 1 hora e de 109 por trimestre por 2 horas (incluíndo os 4 euros do seguro de accidentes). No canto dos obradoiros impártense en dúas sesións semanais dunha hora, entre as 16.00 e as 18.00 horas en días alternos. O prezo é de 25 euros por obradoiro (incluíndo os 4 euros do seguro de accidentes).

Os obradoiros contan con actividades que van dende o teatro á escola de maxia, con diferentes propostas para fomentar a animación á lectura, a expresión plástica ou a aprendizaxe da lingua de signos.

A oferta complétase con Idiomas no Centro, unha proposta centrada na aprendizaxe de inglés e francés de forma lúdica, con énfase no desenvolvemento de habilidades comunicativas prácticas para a vida cotiá Impártese en dúas sesións semanais dunha hora, entre as 16.00 e as 18.00 horas en días alternos. O prezo por trimestre é de 49 euros por cada idioma (incluíndo os 4 euros do seguro de accidentes) e está dirixido ao alumnado de Educación Infantil Primaria e ESO no caso da lingua inglesa e de Educación Primaria e ESO para a lingua francesa.

Oferta educativa dos Museos Científicos da Coruña

A alcaldesa tamén deu a coñecer a oferta educativa do Concello nos Museos Científicos Coruñeses cuxa reserva de cita para as visitas de grupos escolares xa está aberta. Neste curso 2024-2025 a proposta inclúe un conxunto de exposicións, talleres, proxeccións e actividades especialmente deseñado para grupos de todos os niveis educativos: "Queremos así que ademais de contar con actividades fóra do horario lectivo, os centros da Coruña conten con actividades complementarias ao apoio na aula dentro do propio horario lectivo fomentando a aprendizaxe lúdica" explicou Inés Rey.

A principal novidade está na Casa das Ciencias, co novo planetario dixital logo da recente renovación do sistema de proxección. "É unha das actividades favoritas do alumnado que nos visita e este curso 2024-2025 poderán facelo con maior resolución, tendo unha experiencia máis inmersiva e real" explicou a alcaldesa. Ao renovado planetario súmanse os novos módulos interactivo do exploratorium, vinculados á música, á luz ou ás forzas magnéticas xunto con exposicións e decenas de módulos interactivos para experimentar.

Pola súa banda, a Domus, ademais das súas exposicións interactivas sobre xenética, nutrición, evolución e mente humanas, ofrece unha ampla proposta de talleres no Laboratorio Aberto e na sala maker@domus. Neles, o alumnado poderá experimentar coa técnica da PCR, participar na síntese dun novo fármaco para o párkinson ou asistir a unha disección de corazón entre outros. Ademais, os grupos poderán gozar na pantalla da Domus das curtametraxes 'Descubre con Tadeo' ou a nova proxección 'Expedición arrecife', sobre ecosistemas mariños.

No Aquarium Finisterrae os grupos escolares poden solicitar unha visita libre aos seus espazos expositivos ou complementala con algún dos talleres e itinerarios dirixidos a grupos de diferentes niveis educativos, con temáticas como a biodiversidade, os cambios ambientais que están a sufrir os océanos, os variados procesos de reprodución das especies mariñas ou a bioloxía dos tiburóns e o seu estado de conservación.

"Este curso iniciamos unha actividade participativa coa que queremos convidar a todos os centros a achegar as preguntas do alumnado sobre a crise ambiental no océano" anunciou a rexedora, quen explicou que o profesorado que trate o tema nas aulas e envíe as preguntas do alumnado obterá un póster didáctico como regalo, con algunhas das preguntas máis indiscretas que se fixeron nas visitas ás instalacións do Aquarium Finisterrae.

Prezos e reserva

Os grupos escolares que desexen visitar os Museos Científicos Coruñeses dispoñen de tarifas reducidas para o acceso aos recintos. No caso dos centros do municipio da Coruña a entrada é gratuíta. A información completa, o procedemento para solicitar unha visita e o formulario de solicitude están dispoñibles na páxina web www.coruna.gal/mc2/es/visitas-escolares.

¿Qué te parece esta sección?

-101-101-101

¡Tienes un navegador demasiado antiguo!

Lo sentimos pero tu navegador es muy antiguo para poder mostrar esta página. Debes de actualizarlo o usar un navegador compatible. Hemos optimizado esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari y Microsoft Edge. Instalar ahora un navegador compatible

Iniciar sesión